Denuncian a desidia da Xunta no desastre agrícola do incendio Carnota

Dez días despois de que o incendio arrasara o Pindo e varias aldeas de Carnota, diversas entidades de produción agrícola e de xestión comunal do monte esixen á Xunta que actúe con urxencia para paliar o desastre. A Cooperativa de Agricultura Rainha Lupa continúa sen teléfono, as comunidades de montes reclaman actuacións de contado e Adega a declaración de zona catastrófica. 

A maior parte das terras agrícolas arderon en Quilmas
photo_camera A maior parte das terras agrícolas arderon en Quilmas

A Cooperativa de Agricultura Raínha Lupa de Quilmas continúa sen internet nin teléfono e reclama resposta da Administración nunha situación crítica para o seu futuro. Ademais da destrución da produción agrícola de horta e árbores froiteiras, a cooperativa perdeu 52 das 60 alvarizas e víronse na obriga de trasladar as 8 que quedaron vivas ao monte de Lira na busca de flores para que puideran subsistir. Máis de unha semana despois de que se iniciara o incendio, descoñecen tamén se a administración contribuirá ao pago dos 20.000 litros de auga que gastaron para sufocar o lume, segundo denuncian no xornal dixital Que pasa na Costa

Desde as Comunidades de Montes de Caldebarcos e San Cibrán reclaman actuacións urxentes a un monte que quedou ermo, exposto sen protección algunha á erosión que o vento ou a chuvia poden producir. “Lamentamos profundamente que os nosos esforzos por manter un monte vivo se vexan truncados de xeito tan drástico e inconsciente” denuncian nun comunicado. 

“Esiximos responsabilidades políticas pola falta de prevención, produto dunha desidia inxustificable” 

“Todos os nosos proxectos foron atacados na súa raíz: Manter as rutas para poder visitar a maior parte do noso monte, a recuperación dos muíños, a traída de auga e, por suposto, as alvarizas” lamentan desde as Comunidades de Montes, que fan fincapé tamén na destrución de terras labradas e no difícil futuro que lle queda ás abellas que sobreviviron, nun campo no que xa non hai flores. A situación é grave tamén, segundo recoñecen, para empresas produtoras e particulares que cultivan os seus terreos. “Esiximos responsabilidades políticas pola falta de prevención, produto dunha desidia inxustificable” manifestan na súa nota, na que se suman tamén ao comunicado da Asociación Monte Pindo. 

En Raínha Lupa de Quilmas viron como o lume arrasaba as súas árbores froiteiras, as colmeas e os invernadoiros. “O lume do Pindo queimou toda a superficie agraria de Quilmas e doutras aldeas da contorna” afirman ao tempo que denuncian a falta de axudas da Xunta para atallar os graves danos producidos polo incendio. 

“Se o goberno da Xunta de Galicia non fai unha verdadeira política de prevención de lumes forestais e apoia aos labregos e labregas, o que sería moito menos custoso para a administración que os centos de millóns destinados ás empresas de extinción, estas traxedias volverán repetirse ciclicamente” manifestan para concluír que a política do goberno de Feijóo conduce a que labregos e labregas “sexan unha especie en vías de extinción“.

Actuar de contado

Diante da grave situación que se está a vivir en Carnota, Adega esixe a declaración de zona catastrófica para lugares e parroquias afectadas polo incendio co fin de “compensar con rapidez as perdas e recuperar o pulso social e económico”. A asociación ecoloxista entende que é importante actuar con rapidez para conter os efectos da erosión e o arrastre de diversos materiais sobre a superficie ardida. “A construción de barreiras anti-escorrentía e outras medidas para a fixación do chan, como a sementeira de herbáceas de crecemento rápido, urxen denantes de que as primeiras choivas causen unha nova catástrofe polas avenidas, contaminen as augas e causen a morte dos bancos marisqueiros” alertan. 

Comentarios