O ERTMS non funciona nos trens Alvia en ningún tramo do traxecto Ourense-Compostela

ADIF afirma que Renfe non homologou o sistema de freado ERTMS neses 80 quilómetros para os trens de clase Alvia (como o sinistrado) mais si para os Avant que cobren tamén esa liña

Na liña de tren Alvia que une Ourense e Compostela non está instalado o sistema de freado ERTMS nos catro últimos quilómetros antes de chegar á estación de tren da capital de Galiza. Un dato que foi de coñecemento público e xeralizado após o tráxico sinistro de Angrois e que axiña centrou o debate sobre a seguridade ferroviaria realmente existente na liña e a súa responsabilidade ou non no accidente.

Mais, e segundo informa o xornal El País, nos outros 80 quilómetros si que está instalado ese sistema ERTMS, mais non está activado para os trens Alvia, clase á que pertencía o comboio sinistrado. ADIF confirnou a El País que “Renfe non homologou o sistema para os Alvia” nese tramo. Mais si que o fixo para os Avant media distancia, outro tipo de trens que fan por esa mesma liña o percorrido entre a capital da Galiza e Ourense.

Renfe non aclara

O xornal madrileño púxose en contacto con Renfe para contrastar a afirmación de Adif e preguntar como podía ser que ano e medio despois de que os Alvia comezasen a operar nesa liña ferroviaria non estivese homologado para eles o sistema de freado ERTMS.

Mais Renfe non aclarou o escenario, indican desde El País, que tamén engade que a compañía tampouco se pronunciou sobre se os Avant si tiñan homologado ese sistema nese tramo.

Así pois, o sistema ERTMS está instalado neses 80 quilómetros de liña que unen Ourense e Santiago, mais non activado para os Alvia. Unha nova interrogante a sumar ás múltiples aínda abertas e sen resposta en torno ao sinistro na curva da Grandeira, que se cobrou 78 vidas.

Comentarios