Entrar nos xulgados polo dereito a traballar

Unha vintena de traballador@s de T-Solar e unha deputada do Bloque prestaron declaración no xulgado de Ourense demandad@s por se pecharen nas instalacións da empresa. Denuncian o desmantelamento do centro de traballo

Se nada o impide 174 empregos da factoría de T-Solar en Ourense serán destruídos. O maior accionista da entidade, Isolux, abandona a fábrica após 5 anos de actividade e 45 millóns de euros públicos investidos. Perante esta realidade @s traballador@s exixen unha solución ao administrador concursal e á Xunta de Galiza que interceda. Porén, malia existiren sobre a mesa até 3 propostas diferentes que visan mercar a fábrica e garantiren o mantemento da actividade, a día de hoxe segue sen existir unha solución para T-Solar.

"Este é un dos motivos polo que os traballadores permanecen no peche", asegurou Tereixa Paz nunha entrevista publicada no Sermos Galiza a pasada semana. A deputada do BNG foi demandada xunto con 19 traballador@s pola empresa Isolux após iniciar un feche nas instalacións como protesta polo desmantelamento da factoría. "Os traballadores e as traballadoras están unicamente defendendo os seus empregos", sinalou Paz. Porén para a dirección de Isolux @s operari@s e a parlamentar están a ocupar "ilexitimamente" as instalacións e exixe á xustiza que "despexe" un protesto que vai xa polo seu segundo mes.

"Xa primeiramente tentaron desaloxarnos pola vía do penal mais non o conseguiron", conta a nacionalista. Porén, esta cuarta feira a deputada do Bloque e 19 traballador@s declararon no xulgado de Ourense. 

"É o mundo ao revés, quenes defenden a supervivencia dunha empresa punteira e a continuidade de 174 empregos vitais para Ourense son sentados ante a xustiza polos que estafan e destruen emprego”, sinalou o portavoz nacional da organización frontista ás portar do tribunal onde se congregaron centos de persoas para se solidarizaren c@s demandad@s. 

"Quen tiña que comparecer ante os xulgados para dar explicacións son os directivos de Isolux por estafa ao desmantelar unha empresa creada cunha subvención pública de 70 millóns de euros", acrecentou Xavier Vence. 

"Orgullosa" de sentar na bancada por estar "do lado da clase traballadora"
A parlamentar do BNG, Tereixa Paz, asegurou ás portas do xulgado sentirse "orgullosa" de acudir aostribunais por "estar do lado da clase traballadora" e non "por recibir sobres nin prevendas" en clara alusión aos casos de corrupción que atinxen o PP.

Comentarios