Entra en vigor a redución de liñas ferroviarias, Galiza perde o 23% dos trens

A partir deste sábado (1 de xuño) Galiza perde 72 das 306 liñas que actualmente funcionan semanalmente no país deixarán de facelo. En troca, aumentarán os trens a Madrid e mellorarán as conexións e horarios coa meseta

photo_camera Renfe deixa Galiza sen 72 liñas de tren mais, mellor conectada con Madrid

O Ministerio español de Fomento aplica este sábado 1 de xuño as reducións nas liñas ferroviarias de media distancia. Segundo recoñeceu o propio conselleiro de Infraestruturas na Cámara galega a reforma prevista polo goberno español deixará a Galiza sen 72 trens (o 23%) prexudicando fundamentalmente as liñas que conectan co rural. 

Porén, desde a páxina web de Renfe, a empresa remite @s utentes á "consulta dos horarios" para se informaren das mudanzas "nalgúns trens habituais" aos que non se refiren. Aliás, o servizo de atención ao cliente --unicamente a disposición d@s viaxeir@s en español-- non dispón de toda a información 24 horas antes de se produciren as mudanzas. 

O tren Ferrol-Madrid (17,05€)  sairá máis barato que a liña A Coruña-Vigo

En conversa con Sermos Galiza, a teleoperadora indicou que no traxecto Ferrol-Coruña (un dos que será obxecto de supresións nos horarios) a día 2 de xuño só funcionará o tren das 19.15 ficando "bloqueadas" as súas liñas con horario de mañá. "Até o momento", asegurou a traballadora "non lle podo dicir máis, aparecen bloqueados", insistiu. No entanto, a web de Renfe mantén até o momento as catro liñas. 

Un reforzo para Madrid

Segundo a información do Ministerio de Fomento a "racionalización" dos horarios naqueles trens "non rendíbeis" será compensada coa ampliación doutras liñas. Neste senso, os servizos que mellorarán son os que conectan Galiza con Madrid. A partir do vindeiro día 2 de xuño, todas as capitais de provincia terán dispoñíbeis conexións coa meseta --no caso de Ourense, por onde pasarán todas as liñas-- chegará a ter 3 trens. Aliás, reducirase o tempo de viaxe (5 horas) e mellorarán as combinacións para permitir que @s utentes poidan desprazarse a outros destinos após a chegada á capital española. 

O rural perde o tren 

O interior do país será a principal vítima do recorte. Neste senso, Agustín Hernández avanzou en sesión parlamentar que, agás o eixo atlántico, serán suprimidas 72 liñas, fundamentalmente aquelas que conectan o rural. Desaparecerán as paradas intermedias, logo de se suprimiren os trens de media distancia como Ourense-A Pobra que deixará fechadas 9 estacións repartidas en pequenas localidades. 

Comentarios