Entidades veciñais da Coruña denuncian a "deriva autoritaria" do goberno local do PP

Dúas denuncias por parte das Asociacións Veciñais de Atochas-Monte Alto-torre de Hércules e de Oza-Gaiteira-Os Castros volven facer público o enfrontamento do goberno municipal da Coruña co movemento veciñal. Acusan ao PP no Concello da Coruña de continuar a acrecentar unha traxectoria de "deriva antidemocrática"
Representantes do movimento viciñal da Coruña
photo_camera Representantes do movimento viciñal da Coruña

A semana comezaba na Coruña, no ámbito dos movementos sociais, con dúas denuncias que, por distintos motivos, realizaban as Asociacións Veciñais de Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules e de Oza-Gaiteira-Os Castros. A primeira delas comparecía xunto cun grupo de veciñ@s de Durmideiras para denunciar a imputación do Presidente da entidade veciñal e de varios veciños, os cales están á espera de celebración dun xuízo de Faltas previsto para o vindeiro día 23 de maio no Xulgado de Instrucción número 7 da Coruña. Segundo informa o colectivo veciñal, todo parte dun atestado policial no que se lles imputa a presunta “alteración da orde” no pleno celebrado no Concello da Coruña o 6 de agosto no que se trataba a problemática urbanística que pesa sobre o Polígono de Durmideiras. Desde a A VV de Monte Alto denunciouse o tono do atestado policial, “máis propio de épocas pasadas, preconstitucional”, no que se detalla que se estaba reunindo un “grupo ao que parecía estárselle dando consignas”.


Na referida comparecencia @s veciñ@s afectad@s criticaron o talante autoritario do goberno municipal, o intento de amordazalos, ao tempo que manifestaron a súa intención de seguir denunciando a especulación urbanística que se dá en Durmideiras.

Por outra banda, desde a A VV de Oza-Gaiteira-Os Castros dirixiuse un escrito ao Valedor do Pobo solicitando amparo ante a actuación do Concello da Coruña, o cal o pasado 6 de decembro requisou, a través de efectivos policiais e do Corpo de bombeiros, unha faixa que denunciaba a reforma que se pretende acometer na Gaiteira.

Ao igual que no caso de Monte Alto, desde o colectivo veciñal de Oza criticouse a deriva totalitaria do goberno municipal coruñés, o cal “non repara en medios para tentar amordazar ao tecido asociativo que cuestiona o seu modelo de xestión dos asuntos públicos.”

Comentarios