Ensinante, unha profesión que vai a menos

882 profesores de Secundaria e 261 de Primaria terán que impartir materias distintas daquelas coas que accederon ao seu posto de traballo. É só un exemplo do empeoramento das condicións de traballo do profesorado que a CIG-Ensino denuncia á vista da recente adxudicación de destinos. 

aulavacia
photo_camera aulavacia

O número de ensinantes que terán que impartir no vindeiro curso materias distintas á da súa formación increméntase nun 15% en Secundaria e máis dun 11% en Primaria. En total 882 profesores de Secundaria e 261 de Primaria terán que facer un esforzo extra e sumar ás aulas, aos labores do centro e demais tarefas o tempo para preparar materias distintas ás que demostraron coñecementos no acceso ás súas prazas. A quinta parte dos docentes que obteñen destino nesta convocatoria terán que combinar as aulas das súas materias con outras, ás máis das veces, novas na súa traxectoria profesional. 

396 comparten varios centros

E non só iso. Serán máis tamén aqueles e aquelas que teñan que atender a varios centros distintos. As itinerancias increméntanse en máis dun 100% en Secundaria e nun 21 % en primaria,  co cal son 396 os que terán que compartir centro, unha modalidade que prexudica as condicións laborais dos ensinantes. 

"1143 impartirán materias afíns e 396 terán que compartir centro"

Son estes dous dos datos que levan á CIG-Ensino a denunciar o empeoramento das condicións de traballo do profesorado como queda á vista na nova adxudicación provisional de destinos provisionais a 5464 profesores e profesoras. “Este empeoramento das condicións de traballo é consecuencia directa da política de recortes da Consellaría de Educación, recortes na dotación de profesorado que repercuten tamén na masificación das aulas e na imposibilidade de dar conta de todas as necesidades educativas. Empeoramento que finalmente acaba por incidir na calidade do ensino”, denuncian desde a CIG-Ensino. Os recortes fanse evidentes tamén, segundo o sindicato nacionalista, no feito de que a nova adxudicación sigue deixando 267 docentes suprimidos ou desprazados por falta de horario.  

 “A CIG-Ensino reclama da Consellaría que reduza o número de prazas itinerantes e con afíns e que incremente a dotación de profesorado dos centros, de acordo coas peticións que deles recibe e respectando os perfís que os centros solicitan e que están realizadas conforme ás súas necesidades, e isto antes de realizar a adxudicación definitiva", sinalou o secretario nacional da CIG-Ensino ao tempo que reclamou que a Consellaría cubra agora o total das vacantes existentes, antes da adxudicación definitiva e non faga como en anteriores concursos que despois de ser pechado engadiu novas vacantes cos conseguintes prexuízos para o profesorado concursante. 

Comentarios