A enquisa do ABC dálle a maioría ao bloque PP-Ciudadanos e 2 escanos ao BNG

O xornal ABC e a COPE veñen de publicar un novo inquérito que lle dá maioría ao bando conservador: 128 deputados ao PP e 55 ao partido de Rivera, contra os 88 do PSOE e os 37 de Podemos. Pola banda galega, o BNG conservaría os seus dous deputados. 

enquisa
photo_camera Fonte: COPE/ABC

Fican menos de dous meses para os comicios españois e multiplícanse as enquisas. Hoxe os medios conservadores ABC e COPE publican un estudo que lle daría a maioría para gobernar conxuntamente aos dous partidos da dereita española. 

Segundo os datos de GAD3, o PP conseguiría 128 deputados, seguido do PSOE con 88, Ciudadanos con 55 e Podemos ficaría con 37. A continuación estaría Convergència e ERC con cadanseus 9 escanos, o PNV con 6, Amaiur e IU con senllos 5 asentos no Congreso. Por último, obterían 2 o BNG, Coalición Canaria e Compromís, e 1 Geroa Bai e as CUP.

Con estes datos, confírmase a imposibilidade de ningunha maioría absoluta e o escenario máis probable é un bipartito entre PP e Ciudadanos, aínda que tamén cabería un tripartito entre PSOE, Ciudadanos e Podemos. 

Segundo esta enquisa, PP e PSOE aséntanse nas dúas primeiras posicións, mentres Ciudadanos frea o seu ascenso e Podemos parece tocar chan. Mentres, CDC perdería  desplomaríase, pasando de 16 deputados a 9 que recuperaría en boa parte ERC, que pasaría de 3 a 9, acadando un folgado grupo parlamentar. Pola banda vasca, o PNV subiría de 5 a 6, obtendo un máis, que sería o que perde Amaiur. 

De todos os xeitos, este inquérito, realizado do 14 ao 29 de outubro en base a 2.800 entrevistas, non tivo en conta todas as candidaturas que se presentarán o 20 de decembro. 

Comentarios