Unha enfermeira galega, primeiro contaxio en Europa de ébola

Trátase dunha técnica-sanitaria que atendeu un dos doentes desta enfermidade no Hospital Carlos III de Madrid. Descoñécese se a muller tivo contacto con Galiza nas súas recentes vacacións.

A ministra española de Sanidade, Ana Mato, confirmou esta segunda feira (6 de outubro) a detección dun "caso secundario de infección por virus de ébola" na comunidade de Madrid. Trátase dunha auxiliar de enfermería de orixe galega que fixo parte da equipa sanitaria que tratou un dos casos trasladados ao Estado español procedentes da África Occidental. 

A muller, á que lle foron practicadas dúas probas médicas que confirmaron a infección, foi trasladada dun hospital do municipio de Alcorcón ao complexo hospitalario Carlos III, onde foi activado o protocolo de emerxencia. Trátase do primeiro caso de ébola en Europa. 

A enfermeira estaba de vacacións desde o pasamento por ébola do misioneiro Manuel García Viejo, a quen tratou

Embora a ministra de Sanidade asegurar que están a investigar a orixe do contaxio todo apuntaría a que este se produciu durante o tratamento suministrado ao misioneiro Manuel García Viejo. A auxiliar de enfermería acudiu por iniciativa propia a un centro médico após sentir febre durante as súas vacacións. De acordo co relato de Ana Mato, a enfermeira atopábase de ferias desde "o día seguinte á morte do relixioso". 

Após o seu ingreso activouse o protocolo de seguridade de maneira que todas as persoas en contacto coa doente deberán someterse a controis durante 21 días. Todo apuntaría que á técnica-sanitaria non se lle terían practicado estes controis após entrar en contacto con García Viejo. 

Á espera de coñecerse máis dados e mesmo de saber se a muller viaxou até Galiza durante as súas vacacións, son numerosas as voces que denuncian a falta de rigor na aplicación dos protocolos de emerxencia durante o traslado e tratamento dos dous doentes trasladados a Madrid desde a África Occidental. 

Persoal do Carlos III denuncia que os traxes de seguridade eran de nivel 2 cando se exixía un nivel 4

Entre as denuncias atópase a do propio persoal do Carlos III que apuntan unha flagrante falta de rigor na indumentaria suministrada para o tratamento das persoas infectadas. Os traxes fornecidos situábanse no nivel 2 --portando mesmo cinta aislante para unir as luvas de goma ao corpo-- mentres que o protocolo de seguridade exixe que sexan de nivel 4 --totalmente impermeábeis e con respiración autónoma. 

Nas redes sociais érguese arestora un clamor social exixindo a demisión da ministra Ana Mato. 

Comentarios