Ence desenvolve fumigacións experimentais con agrotóxicos en Pontevedra, A Mariña e A Coruña

Xunta e Ministerio autorizan a pasteira a fumigar con MAVRIK-10, un insecticida/acaricida experimental no tratamento de eucaliptos, que podería ser prexudicial para as abellas, denuncia Adega. 

mapa
photo_camera [Adega]

A asociación ecoloxista Adega solicitou información á Xunta de Galiza en relación con fumigacións autorizadas a Ence desde o pasado mes de xuño até o vindeiro mes de outubro. 

No concreto, trátase de fumigacións experimentais con Mavrik-10, un insecticida/acaricida empregado habitualmente para combater "pulgóns, ácaros e outros insectos en cultivos de horta e froiteiras" mais que Ence quere probar para o tratamento do gorgullo que atinxe os eucaliptais do país. 

A pasteira, xunto coa Asociación española de fabricantes de pasta, papel e cartón (ASPAPEL) solicitou á Xunta aplicar este produto sobre máis de 17.000 eucaliptais espallados polas provincias de Pontevedra e A Coruña, xunto coa comarca da Mariña. No entanto, de ser exitosa a proba Ence-Aspapel pretenden aplicalo no conxunto do territorio galego. 

Aspapel recoñece que "este composto" é "nocivo, irritante, bioacumulativo e altamente tóxico para a vida acuática"

Desde Adega advirten dos prexuízos que podería carrexar o uso de Mavrik-10 e dos que xa alertaron algúns informes. A propia Aspapel indica que "este composto" é "nocivo, irritante, bioacumulativo e altamente tóxico para a vida acuática". Porén, algúns investigadores salientan as consecuencias que podería conlevar para as abellas incidindo, entre outros, no "síndrome do colapso das colonias", acrecentan desde Adega. Razón pola que a Comisión europea está a valorar a suspensión dalgúns agrotóxicos, malia as presións da industria. 

A autorización da Xunta e do Goberno español exténdese até outubro e desde a asociación ecoloxista denuncian que "52,3 toneladas deste composto insecticida van ser ou foron xa esparexidas por parcelas da Mariña e Ferrolterra, entre outras, nalgúns casos sen respectar as restriccións de aplicación" como "non fumigar a menos de 100m de masas de auga, regos, pozos ou mananciais", "non tratar zonas con alta pendente e risco de escorrentía" ou "non fumigar con chuvia ou risco de chuvia". 

Comentarios