Ence dá por seguro que ficará en Lourizán para alén de 2018

Juan Luis Arregui, presidente da factoría, confía en que a Lei de Costas que aprobará o executivo español renove a licenza da pasteleira pois di o seu traslado é "inviábel"

Arregui recoñeceu esta cuarta feira que o escenario que a empresa manexa a respeito do futuro da pasteleira é ben distinto do que agardan as organizacións ecoloxistas ou mesmo o Concello. O presidente de Ence asegurou que a factoría previsibelmente permanecerá en Lourizán para alén de 2018 e o certo é que a modificación lexislativa que está a piques de aprobar o Goberno de Mariano Rajoy permitirá a Ence renovar  a súa licenza até 75 anos máis. 

Así de seguro se amosou o presidente de Ence no acto de sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Neste senso, o popular Rafael Louzán tamén se amosou convencido do mantemento da pasteleira pois asegurou --xunto con Arregui-- que o traslado da factoría é "inviábel". Embora as organizacións ecoloxistas e a corporación municipal alerten desde hai décadas das graves consecuencias medioambientais derivadas da actividade de Ence, o presidente da Deputación provincial amosouse ledo de que a empresa mantela "a ollada posta en Pontevedra" pois a factoría, dixo, "xera actividade económica, emprego e riqueza na cidade, na comarca e na Galiza". 

A bóla está agora no tellado da Xunta de cuxo informe ambiental dependerá a permanencia da pasteleira. No entanto a posición amosada polo popular Rafael Louzán deixa máis que aberta a posibilidade de que Ence fique na ría e conte co visto e prace da administración galega. Cómpre lembrar que os gobernos de Manuel Fraga aprobaron a renovación da licenza á pasteira até 2018, malia que o TSXG considerase que a prórroga non se axustase a dereito. 

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse moi crítico coas declaracións do presidente da Deputación do que dixo "acaba de quitar a carauta". Para o rexedor do BNG "se a alguén lle quedaba algunha dúbida" as verbas de Louzán deixan claro para o alcalde que o PP "está porque Ence quede en Lourizán". 

Comentarios