ENCE anuncia un ERE para 144 operari@s malia incrementar os beneficios nun 4%

O grupo pasteiro anuncia un expediente de regulación de emprego que afectará a perto de 150 operari@s das súas factorías de Pontevedra, Asturies e Andalucía. Os sindicatos descoñecen cantos deses traballadores son da pranta galega
Factoría de ENCE na Ría de Pontevedra

A dirección de ENCE ten sobre a mesa un ERE que afectará a 144 operari@s das súas factorías en Galiza, Asturies e Andalucía. A incidencia do expediente en cada unha desas tres prantas aínda é descoñecida para os sindicatos. Será o vindeiro xoves, co inicio das negociacións en Madrid, candos e saiba a cánto persoal de Pontevedra afecta o ERE. Nesa pranta hai por volta de 250 empregados.

ENCE xustifica o que califica de "reestruturación laboral"  na necesidade de "manter a competitividade nos mercados" após as medidas do goberno español encol enerxía renovábeis. Mais esa explicación non convence aos sindicatos, que consideran que un grupo, como ENCE, que aumentou os seus beneficios netos o ano pasado nun 4% non pode xustificar despedimentos.

A nova chega cando a aprobación da Lei de Costas permitiría a ENCE seguir na Ría de Pontevedra máis alá de 2018

O grupo pasteiro obtivo un beneficio neto de 43 millóns de euros, o que supón un incremento do 4% a respeito do exercicio anterior. O beneficio bruto de explotación (antes de impostos) foi de perto de 176 millóns, un 15% máis que en 2011, grazas aos maiores volumes de celulosa e electricidade vendidos.

Un ERE para presionar a negociación do convenio?

"Este ERE está máis relacionado coa negociación do convenio colectivo, que expirou en decembro", indican desde o comité de empresa da pranta de Pontevedra.

Aliás, a nova chega cando a aprobación da Lei de Costas permitiría a ENCE seguir na Ría de Pontevedra máis alá de 2018, como denunciaron tanto BNG, PSOE como AGE, alén de colectivos cidadáns e ambientalistas. A nova lei permite ao goberno prorrogar concesións industriais en dominio público.

Comentarios