Emprazan a Feijóo a que mova ficha a prol dun sistema financeiro galego ao servizo do pobo

A voceira do BNG Ana Pontón emprazou no Parlamento ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que asuma as súas responsabilidades e traballe para garantir o futuro do sistema financieiro galego, “pois se antes do resgate á banca este futuro xa estaba en xogo, agora se pode certificar a súa defunción”, afirmou.
"@s deputad@s do BNG no parlamento
photo_camera "@s deputad@s do BNG no parlamento

Ana Pontón, na sesión de control ao goberno, criticou que Feijóo considere unha boa noticia para Nova Galicia Banco o resgate e advertiu que esas palabras teñen a mesma credibilidade que as de Rajoy antes de irse ao fútbol, cando negaba tal resgate.

 Para a voceira parlamentar, o presidente da Xunta ten que deixarse de “frivolidades” e apostar por propostas concretas, como as que lle prantexa o BNG, que pasan por unha comisión de investigación no Parlamento, porque os galegos e galegas teñen dereito a saber que pasou coa xestión da caixas e cales son as responsabilidades políticas desa xestión, e por unha banca pública galega.

Medo a investigar

“Aposte pola verdade e a transparencia –dixo- deixe as escusas e levante o veto á creación da comisión. Vostedes levan meses negando e votando en contra da mesma, porque sabe que si hai responsabilidades e que mesmo poden ser penais, por iso non queren que se investigue”.

 Banca pública

Sobre a banca pública, Ana Pontón asegurou que é a única alternativa para superar un modelo ao servizo dos mercados que fracasou, como se está comprobando estes días co resgate, e que levou á ruina a milleiros de persoas, tanto en Europa como non País.

Para a voceira parlamentar, se Feijóo non asume a proposta nacionalista estará sendo cómplice do espolio do aforro galego e estará demostrando que prefire ser sumiso á banca e á direción do PP en Madrid antes que exercer de presidente da Xunta.

“Se vostede non fai nada –engadiu- convertirase en mero espectador dunha situación moi grave. A Banca pública é a única alternativa para ter un instrumento que financie o noso tecido produtivo, unha banca sen escándalos como o das preferentes”.

Comentarios