“Emigrantes retornados” mostran a súa indignación pola falta de apoio do PP

O próximo 14 de febreiro a Coordenadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados volverá ás rúas para manifestar a súa oposición ao que consideran un afán recadatorio desmedido do Estado Español. Na Asemblea do colectivo da Mariña mostraron a súa indignación pola falta de apoio do PP. 

emigrantes
photo_camera emigrantes

A Coordenadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados convoca unha nova mobilización nacional para o próximo 14 de febreiro. O acto de protesta está fixado para as 11 horas da mañá diante das sedes de Facenda de cada comarca e ten como obxectivo mostrar unha vez máis a súa oposición ás multas e persecución que están a ser sometidos por parte do Estado. 

A Asemblea Xeral do Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, que se desenvolveu esta quinta en Foz, mostrou a súa indignación pola desatención que o PP demostra co colectivo e a falta de apoio que demostraron no Parlamento Galego ao impediren cos seus votos que prosperara a iniciativa do BNG encamiñada a modificar a lexislación que establece diferentes baremos económicos para administrados con un ou máis pagadores, o que está a afectar ao colectivo que cobra pensións do exterior. 

Advirten que o  Ministerio de Facenda fará 30.000 novas inspeccións nas súas declaracións da renda no ano 2014, 10.000 máis das rexistradas o pasado ano. Lamentan que a Axencia Tributaria teña colocado aos emigrantes no seu punto de mira e estean a ser considerados “defraudadores” ao non teren cotizado as pensións do exterior. Diante da ameaza de Facenda, a Coordinadora anunciou un ano con mobilización para tratar de impedir un novo castigo a tantos homes e mulleres que tiveron que abandonar o país e agora son inxustamente tratados outravolta.

Comentarios