“Emigrantes Retornados” mobilizaranse o día 15 en Compostela

A Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados manifestarase o próximo día 15 polas rúas de Compostela con remate diante do Parlamento de Galiza. Reclaman que se eliminen as sancións. 

Xuntanza da Coordinadora Nacional Galega
photo_camera Xuntanza da Coordinadora Nacional Galega

Convocan a primeira manifestación nacional co fin de difundir a súa situación e reclamar do goberno da Xunta que apoie as demandas e se proceda  a modificar o criterio da Axencia Tributaria que establece as sancións. “Debemos reparar no novo escenario que se abre para a loita coas últimas decisión xudiciais, xa que abren unha nova fronte de loita que debe ser reforzado pola mobilización social, a fin de presionar e facer efectiva unha resolución xusta” defenden despois das sentenzas do TSXG. 

A Coordinadora de Emigrantes Retornados reclama a paralización das multas e dos expedientes sancionadores e que se eliminen os intereses de demora nestes procedementos debido a que a maioría de emigrantes non coñecían estas obrigas tributarias. Anuncian que continuarán as presións ate que o Ministerio de Facenda modifique a Lei do IRPF de 2006. 

“É hora de que o goberno cese nas multas contra nos, é hora de que se paralicen as sancións e os intereses de demora abusivos, é hora de demandar un mesmo trato fiscal para aqueles que nos gañamos a nosa pensión na emigración que no País, en definitiva, todo isto é posíbel coa nosa unidade e coa nosa loita.” sinalan desde o colectivo da Mariña, un dos mais activos do país e que se desprazará a Compostela o próximo 15 de maneira colectiva por medio de autobuses. 

Asociacións como a da Mariña acordou en xuntanza de sexta feira á noite acudir a todos os plenos nos concellos da comarca onde se debata a moción co fin de defender a súa postura. Inicia recollida de sinaturas e preparan tamén mobilizacións comarcais co fin de paralizar as sancións aos emigrantes.

Comentarios