“Emigrantes Retornados” concentraranse diante do Parlamento para esixir a eliminación das sancións

A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados presionarán até que o PP elimine as sancións polo cobro de pensións no estranxeiro. O martes, cando se desenvolve o debate do Estado da Nación, concentraranse diante do Parlamento de Galiza. 

Xuntanza da Coordinadora Nacional Galega
photo_camera Xuntanza da Coordinadora Nacional Galega

Presionar ao goberno e aos responsábeis institucionais do PP. Ese é o  obxectivo da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados que convoca unha concentración o martes 15 a partir das 10 da mañá diante do Parlamento. Concentraranse para reclamar a retirada das multas e dos expedientes sancionadores e que se eliminen os intereses de demora nestes procedementos debido a que a maioría descoñecía estas obrigas tributarias. Anuncian que continuarán coas mobilizacións até que o Ministerio de Facenda modifique a Lei do IRPF de 2006. 

As persoas afectadas, que se contan por milleiros, mostran a súa disposición a non calar até que se escoiten as súas demandas e se retiren as sancións que reclama a Axencia Tributaria por non ter declarado o cobro de pensións no estranxeiro, novidade tributaria que descoñecían. 

“O goberno central de Mariano Rajoy trata aos emigrantes retornados como se foran defraudadores, aplicándolles multas abusivas e inxustas, cando non hai moitos meses aplicou unha amnistía fiscal a defraudadores profesionais multimillonarios que teñen os seus cartos en paraísos fiscais. Está claro, non somos todos iguais” sinalan no seu comunicado, emitido desde a Coordinadora Nacional Galga de Emigrantes Retornados. 

Reclaman ao Goberno do Estado a anulación dos expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Estatal Tributaria por non tributar polas cantidades recibidas como pensións no estranxeiro ademais de facilitar a regularización da situación nos últimos catro anos, sen recargos nin intereses de demora. Esixen da mesma maneira que se desenvolva unha campaña de información das obrigas tributarias futuras. 

A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados móstrase “pesimista” pola postura do PP diante das súas reclamacións, despois das declaracións do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro e o voto en contra do PP no Senado á iniciativa apoiada no Parlamento Galego. 

Comentarios