Emigrantes reclaman na Coruña un "trato xusto" e denuncian a xordeira do PP

“Emigrantes retornados, pensionistas defraudados” era a lenda da pancarta que abría a primeira manifestación nacional convocada pola coordinadora esta cuarta feira na Coruña e que congregou a máis de dous milleiros de persoas. Acusaron o PP de “estar cego, mudo e xordo ante o clamor popular que demanda un trato xusto para o colectivo”. Vídeo no interior.

Manifestación Emigrantes Retornad@s
photo_camera Manifestación Emigrantes Retornad@s

A Coordenadora de Emigrantes Retornados convocou na Coruña a súa primeira mobilización nacional na que acusaron ao goberno do PP na Xunta e no Estado de facer oídos xordos diante das súas demandas. 

“Somos emigrantes retornados con moitos anos ás costas de duro traballo na emigración e, non nos asustan as dificultades, tivemos que saír fora para traballar e mandamos divisas que serviron para mellorar aquí a economía, agora cando volvemos mal infórmannos e róubannos os aforros que podiamos ter para unha vellez tranquila”, sinalaron no manifesto que leu no fin da marcha a emigrante Elena Vázquez, do colectivo da Mariña. 

A Coordinadora Galega de Emigrantes Retornad@s, que xuntaron na Coruña a máis de dous milleiros de persoas, dirixíronse á Conselleira de Facenda para acusala de limitarse a enviar cartas ao ministro “sen ningún efecto”, denunciaron que a resposta de Feijóo é “non sabe nin contesta” e que por parte do ministerio a comunicación vén na outra dirección, enviando cartas nas que reclama a emigrantes “intereses de demora e sancións”. 

Lembráronlle ao goberno que dentro do colectivo “hai votantes do PP que dificilmente repetirán o seu apoio a unha formación política que os trata como delincuentes fiscais e que mesmo ningunea ás ducias de concellos galegos, con alcaldías de todas as cores políticas, que por unanimidade apoiaron as súas reivindicacións”. 

A Coordenadora entregou un documento coas súas reivindicacións á Delegada Especial AEAT de Galiza con destino ao ministro Montoro con máis de 25.000 sinaturas recollidas por toda Galiza na que se deixaba á vista o rexeitamento á campaña recaudatoria que se está levando a cabo desde Facenda contra o colectivo.

 

Vídeo:  CC BY-NC-ND AvantarVideos

Comentarios