Emigrantes despiden a campaña da renda con concentracións en Facenda

As Plataformas de Emigrantes Retornados convocan para esta cuarta feira, 2 de xullo, ás 11 horas distintas concentracións contra a discriminación nas sedes da Axencia Tributaria no encerramento da campaña. 

Manifestación Emigrantes Retornad@s
photo_camera Manifestación Emigrantes Retornad@s

Concentracións diante  distintas sedes da Axencia Tributaria despiden esta cuarta feira a campaña da Renda-2013. As Plataformas de Emigrantes Retornados insisten desta maneira nas súas reivindicacións de conseguir por parte da Axencia Tributaria un trato igualitario co resto do colectivo de xubilad@s. 

As Plataformas fechan a campaña tributaria nun ano no que se repetiron as mobilizacións que serán simultaneas en distintas cidades galegas, entre elas Vigo e A Coruña. Emigrantes insisten en que se lle está a dar un trato de “defraudadores”, con imposicións de sancións cando “existen resolucións do Tribunal Económico Administrativo e sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que acreditan a dificultade de interpretación da norma en correlación con diferentes tratados bilaterais”.  Segundo destacan, a desinformación foi indirectamente recoñecida pola Axencia Tributara ao incluír no exercicio fiscal que agora remata a indicación de obriga de incluír cantidades percibidas no exterior. A campaña que esta semana chega ao seu fin é a primeira na que se incluíu esta información. 

Lamentan tamén que o goberno non atenda a iniciativa aprobada unanimemente no Parlamento de Galicia e esixen que se eliminen as sancións impostas e que poña fin ao trato discriminatorio en materia fiscal para quen tivo que abandonar o país na busca de traballo. 

Comentarios