“O colectivo de emigrantes está a recibir castigo tamén á hora da súa xubilación”

Con pouco máis de 18 anos marchou para a Suíza. Alá coñeceu o seu home e alá traballou máis de once anos. Elena Vázquez é unha dos milleiros de persoas que forman parte do colectivo emigrante ao que Facenda lles está a reclamar importantes cantidades en multas e intereses por non teren declarado a pensión da emigración. Co seu caso achegámonos ao que ela considera un novo e  “inxusto castigo” para homes e mulleres que tiveron que marchar do país para sobrevivir. 

photo_camera

-Cantos anos estivo na emigración?

Marchei con 18 anos recén cumpridos, en febreiro de 1968 e regresei en 1979. Eramos unha familia moi numerosa e primeiro marcharon os dous maiores a Suíza e logo fun eu. Alí coñecín a meu home que marchara xa anos antes. 

-Como foron eses anos lonxe do país?

Meu home traballou nunha fábrica quince anos. Eu estiven en Suíza once e medio, primeiro dous traballando nun hospital, logo sete nunha fábrica de electricidade e finalmente dous máis de volta nun hospital. 

-Por que deciden regresar?

Meu home solicitara traballar en Alcoa. Veu facer unha entrevista e aceptárono. Tiñamos claro que cando tivesemos un fillo queriamos coidalo e preferiamos que fora na Galiza. Cando puidemos fixemos por regresar e aquí naceu a nosa filla. 

-Que lle reclama agora Facenda?

Quedei viúva en 1999. Oito anos antes a meu home detéctanlle un cancro e pensionárono de inmediato. Cando morre miña filla estaba en primeiro de carreira. Ao facer a declaración en Facenda notifico todos os ingresos porque miña filla tiña unha bolsa e quería que todo estivese ao día. Informo de que teño unha pensión de viúva de alá de 250 euros e dinme que non teño que declarala. En 2001 volvo facer a declaración e comento o mesmo e respóndenme que como era unha pensión de 270 non tiña que declarala. Cando a miña filla xa non tiña bolsa de estudos mandábanme o borrador a casa e eu o que facía era asinalo, porque xa non tiña outros ingresos que os que eles me dixeran que non tiña que declarar. Volvín facer a declaración a Facenda en 2007 porque tiña un neno en acollida e comentábanme que me ían devolver o que me retiñan. No 2008 devolvéronme 76 euros. No 2009 víñame a devolver 2 euros e xa non o levei ao banco. Despois, como non alcanzaba os 22.000 euros e me dicían que a pensión non entraba xa non fixen a declaración. 

-Cando lle chegaron as cartas nas que se lle notificaba a sanción?

No mes de xuño chegáronme catro cartas, con moi pouco tempo para pagar. Reclamábanme máis de sete mil euros por atrasos de catro anos e tiven que pagar todo xunto e recorrer a miña filla para axudarme. Teño unha pensión de 856 euros máis a de alá que agora é de entre 480 e 490 -600 francos suízos- e tivera gastos na casa co cal non tiña o importe que me esixían. Chegáronme catro cartas xuntas, unhas co recargo e outras cos intereses, catro cartas o mesmo día ao mesmo enderezo. Agora pídenme que pague 2.584 máis entre recargos e multas e danme de prazo até o vinte de decembro. Neste ano 2012 por unha pensión de 17.000 euros paguei 2.369 porque din que teño dúas pagas e teño obriga de facela. 

-Que pasa se non paga esta nova cantidade que lle esixen?

Pois poden poñerme un recargo de até o cincuenta por cen de multa. Se aprazo o pago tería un interese do 5%. Cando fun comentar o caso a Facenda e deixei claro que fora alí onde me dixeran que non contaba a pensión de fora, o único que me comentaron é que “sería unha moza de prácticas”. Fomos unha presa ben fácil. 

-O problema está entón en ter dous pagadores?

Claro, pero hai xente que traballa nun banco e logo ten outro traballo ou tamén médicos que están na privada e na pública mais nós nunca tivemos dous traballos, estivemos primeiro na Suíza e logo aquí, e a pensión recibímola polo traballo de alá e o de aquí. En principio eu tiña que comezar a cobrar a miña pensión polos anos traballados alá en Suíza en breve pero estou tan indignada que ao mellor renuncio a ela porque pode ser que non me compense recibila. Todo o que gañamos os emigrantes empregámolo aquí, pagando os nosos impostos ou facendo as nosas casas, son cartos que trouxemos de alá e non sei a razón para que agora nos castiguen desta maneira. 

-Vostede participa nas reunións do Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, as persoas que están na mesma situación estanse a mobilizar?

Non na medida na que debesen. Tiñamos que facer piña, pero moitos emigrantes non queren remover, fan por pagar o que lle reclaman e, ás veces por vergoña, non confesan a situación na que ese atopan. Mesmo teño unha persoa próxima que di que non recibiu as cartas e acabo de enteirarme de que tiña que pagar oito mil euros. 

-Coñece a algún emigrante que tivera intención de defraudar?

Diría que o 90% como mínimo non quería defraudar. Cando vas facer a declaración a Facenda e dinche que non a fagas se non chegas a 22.000 euros ao ano quedas tranquila, confías no que che din. Estamos a ser castigados por ter emigrado. Por exemplo, quen ten unha invalidez do 50% non ten que facer a declaración e eu coñezo algún caso do 70% ao que lle reclaman por ter unha paga de fóra. 

-Que reclaman como colectivo?

Que eliminen as multas, as sancións e os intereses. Ningún banco paga o 5% dos interese e a nós é o que nos cobran. Se unha persoa traballa corenta anos nunha empresa cobraría 22.000 euros e non tería que pagar mais, no noso caso, cobrando iso temos obriga de pagar por ter traballado fora. Castíganos por ser emigrantes. É inxusto que á hora da xubilación esteamos a ser castigados. Grazas aos emigrantes aquí se puido vivir e agora é así como nos pagan. Para o que a emigración foi para este país tiñan que ter en conta a nosa situación. Traballamos fóra e xa padecemos por iso, é inxusto que agora nos poñan un castigo máis. De xustiza era que contemplasen a nosa situación e non nos considerasen como persoas que mantiveron dous traballos ao tempo.

Comentarios