"O eleitorado non entendería que o nacionalismo se puxese baixo o paraugas dunha forza estatal", di Vence

Entrevista co portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, na Radio Galega. O miolo da conversa, as eleccións europeas. "Esperemos que Anova bascule cara ás posicións nacionalistas e de esquerdas", afirmou o líder do Bloque, o que traducido significa: esperemos que non se poñan ao servizo da estratexia eleitoral de IU.

Nogueira, Miranda, Vence
photo_camera Vence, con Camilo Nogueira e Ana Miranda

A folla de ruta do nacionalismo galego, xulgou Vence, ten de ser "a unidade de todos os nacionalistas". O BNG ten feito o que o seu portavoz nacional cualifica de "oferta aberta e xenerosa" a todas as forzas nacionalistas galegas, visando que o país teña unha voz propia en Europa.

"Esperemos que Anova bascule cara posicións nacionalistas e de esquerdas. Nós continuamos coa man tendida. Agora é responsabilidade de cada quen tomar as súas propias decisións", subliñou o portavoz nacional, que se nega a supeditar "os intereses galegos" ás estratexias eleitorais dunha forza política con centro de decisión en Madrid.

Para Vence, o que o eleitorado nacionalista non entendería en ningún caso é que o nacionalismo galego "se puxese baixo o paraugas dunha forza estatal". A cidadanía, enfatizou, "ten moi claro que necesita ter unha voz directa" que represente Galiza en Bruxelas.

Soberanía

Vence foi interpelado abertamente polo xornalista Xabier Ares sobre se consideraba ou non viábel unha Galiza independente. Na súa réplica, o portavoz nacional do Bloque puxo o acento non no conceito independencia, mais no da soberanía.

"Galiza ten que ter capacidade de decisión. Ten que ter ferramentas para que non sexan Madrid, Bruxelas e determinados fondos de investimento os que tomen as decisións por nós. A soberanía é iso, é capacidade de decidir", alegou.

Baixou do abstracto ao concreto tomando como exemplo a situación do sistema financeiro galego: "Vemos como nos están a roubar Novagaliciabanco, após os galegos ter colocado aí por volta de 9.000 millóns de euros". Esa entidade vai ser agora vendida por Madrid -co silencio cúmplice da Xunta, criticou- a un grande banco español ou un fondo de investimentos norteamericano.

"Con soberanía non habería ese espolio", enfatizou, ao tempo que reiterou cal é a aposta do BNG en relación a NGB: tornar esta entidade nun "banco público galego" para dar crédito a empresas e particulares.

Comentarios