SEGURANZA FERROVIARIA

O Eixo Atlántico tardará aínda máis dun ano en estar dotado de ERTMS

Adif sacou a licitación esta terza feira o contrato para implantar este sistema de seguridade nos tramos Vigo-Compostela e Compostela-A Coruña. O prazo de execución das obras é de 12 meses a contar desde a súa adxudicación.

Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)

O ERTMS, o sistema de seguridade que epritos e expertos aseguran que tería evitado o sinistro de Angrois, tardará aínda un ano en se incorporar á liña do Eixo Atlántico (A Coruña-Vigo). O Boletín Oficial do Estado publica esta terza feira a licitación por Adif do contrato para dotar de ERTMS a esa liña. O prezo de licitación ronda os 69 millóns de euros. O prazo máximo das probas de validación e posta en servizo será de seis meses e o de execución das obras de 12 meses, contadas a partir da adxudicación. As empresas teñen até o 1 de xuño para presentar ofertas. 

O 19 de maio de 2006 comezaban a circular no Estado español as primeiras liñas de alta velocidade equipadas co sistema de seguridade ERTMS, recomendado pola Unión Europea xustamente desde ese mesmo ano. O mencionado sistema componse doutros dous: o GSM-R que permite a comunicación por radio cos comboios; e un segundo, o ETCS, que tería evitado o sinistro de Angrois ao non lle permitir rebasar a velocidade máxima, os 80km/h, no tramo sinistrado, segundo peritos e expertos.

Comentarios