Educación oferta só 93 novas prazas de secundaria cando se produciron 4.000 xubilacións

O anuncio que a pasada semana fixo o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez concretouse na Mesa Sectorial en 93 novas prazas para secundaria máis 24 de promoción interna, só en 5 materiais. A CIG-Ensino cualificou a oferta de “raquítica e insignificante”. 

ensino
photo_camera ensino

Milleiros de persoas estaban pendentes da convocatoria de prazas para ensino secundario e onte a realidade deuse a coñecer na Mesa Sectorial Docente non Universitaria, órgano no que a Consellaría de Educación presentou a súa vontade de convocar para o próximo ano 93 novas prazas en quenda libre e 24 en promoción interna. Só Xeografía e Historia (24), Matemáticas (24), Bioloxía e Xeoloxía (20), Inglés (15) e Administración de Empresas (10) son as materias para as que a Xunta abrirá convocatoria pública. En quenda de promoción interna convocaranse, segundo a Consellaría, 6 de Xeografía e Historia, 6 de Matemáticas, 5 de Bioloxía e Xeoloxía, 4 de Inglés e 3 de Administración de Empresas. 

A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, definiu a oferta como “insignificante e raquítica” e un grupo de delegad@s do sindicato concentráronse diante da EGAP par reclamar unha oferta de emprego que responda ás necesidades do ensino público. 

“A Consellaría de Educación converteuse nunha fábrica de destrución de emprego e de amortización de prazas”, denunciou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que falou da insuficiencia cando nos últimos anos non se realizou oferta de emprego e haina actualidade máis de 3.000 interin@s en Secundaria. Segundo os datos do sindicato nacionalista, nestes anos nos que a Consellaría non convocou novas prazas, producíronse máis de 4.000 xubilacións e os cadros de persoal reducíronse en 3.000 docentes. 

Comentarios