Educación deixa o persoal docente substituto sen vacacións

Coas vacacións na porta e por fax, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de facer público un novo recorte para o persoal docente substituto a quen se lle suspenderá do dereito de nomeamento nos dous meses de verán.

O persoal docente substituto completaba, até o de agora, cun novo nomeamento, ao teren prestado cinco meses e medio de servizos durante o curso, os dous meses de verán. A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de facer público un recorte máis ao suspender o dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto, unha medida que anuncian tamén para o curso 2012-13.

Concentración día 29 ás 11.30

A CIG-Ensino, que recibiu a notificación da medida por volta de media tarde, xa se adiantou a facer un chamamento ao persoal afectado co fin de que participe nunha concentración o venres 29 de xuño ás 11.30 diante da Consellaría, no Edificio Administrativo de San Caetano. O obxectivo é que o Conselleiro retire unha circular que nin siquer pasou pola mesa de contratación, segundo denuncian.

Ante a gravidade desta noticia, a CIG-ENSINO fai un chamamento a todo o profesorado afectado para que participe nunha concentración co obxecto de que o Conselleiro retire esta circular, que non pasou pola mesa sectorial (órgano de negociación onde deben ser tratados todo os asuntos que teñen que ver co profesorado). A concentración terá lugar diante da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza (Edificio Administrativo San Caetano sn, Santiago de Compostela) este venres 29 de xuño ás 11.30 h.

“É inaceptable que a Consellaría agarde ata unha data tan avanzada do curso académico para anunciar unha medida tan dura para o profesorado substituto” apuntan desde CIG-Ensino.

Comentarios