Edgewater ten como "obxectivo prioritario" extraer o ouro de todo o país para tratalo en Corcoesto

Segundo informa Adega a transnacional canadense pretende "acaparar todos os dereitos mineiros" situados preferentemente "no cinto aurífero Malpica-Tui". Aliás, na solicitude de permiso de investigación presentada pola empresa asegura que a súa intención é explotar "posíbeis xacementos pequenos" ao facelos rendíbeis non ter que abrir novas plantas de tratamento. O ouro extraído sería transformado en Corcoesto

photo_camera [Imaxe: Salvemos Cabana]

Na documentación achegada, a transnacional canadense asegura ter "como obxectivo prioritario" a obtención "dos dereitos mineiros dispoñíbeis" tanto arredor do proxecto mineiro de Corcoesto como "noutras zonas" preferentemente situadas no "cinto aurífero Malpica-Tui".

No documento, que foi coñecido esta segunda feira por Adega, Edgewater asegura coñecer a existencia de "numerosos indicios de ouro" na Galiza aínda que a dimensión dos xacementos, as máis das veces de pequeno tamaño, farían pouco rendíbel a extracción. 

Adega alerta de que Edgwater "pretende acaparar 18 concesións mineiras de ouro en Galiza" para alén das 17 que abranguen actualmente o baixo Miño e a Serra da Groba

Porén, a empresa mineira ten previsto explotar estes recursos e trasladar o ouro á megaplanta de transformación de Corcoesto como vía para facer economicamente rendíbel a actividade ao "concentrar todo o procesado do mineral nas instalacións de Cabana", apuntan desde Adega. 

A asociación ecoloxista alerta de que Edgewater --a través da súa filial en Corcoesto-- "pretende acaparar 18 concesións mineiras de ouro en Galiza, principalnente nas comarcas de Bergantiños, Sta. Comba-Zas e Ferrolterra (no cinto aurífero) e Os Ancares". Solicitudes que virían a se sumar ás 17 que abranguen tamén o baixo Miño e a Serra da Groba. 

Aliás, Adega alerta de que a estratexia da transnacional favorecerá a súa entrada nos terreos a explotar habida conta de non precisar a instalación de novas plantas de cianuración. Neste senso, @s ecoloxistas lanzan un chamado "á cidadanía comprometida na loita contra a megaminaría contaminanete e colonial" a manterse "firme" afortalando "as sinerxias e a solidariedade" entre colectivos para frear a implantación destes proxectos de explotación mineira. 

Comentarios