Ecogaleguistas constitúense como Espazo EcoSocialista, a achega da 'esquerda renovadora' ao NPC

Aposta por crear un “proxecto unitario” con Encontro Irmadiño, Acción Galega e Máis Galiza de cara aos comicios autonómicos
O ecogaleguismo transformarse en Espazo EcoSocialista
photo_camera O ecogaleguismo transformarse en Espazo EcoSocialista

O panorama político galego en torno ao Novo Proxecto Común (NPC) segue a ser un fervedoiro de novidades. A última, polo de agora, é o paso dado polos Ecogaleguistas para constituírense como un novo partido político, Espazo EcoSocialista, de cara a ir tecendo os fíos que desemboquen nun “proxecto unitario” que podería ter nos comicios galegos o seu primeiro reto.

Este sábado realizarase en Compostela a Asamblea Constituínte de Espazo EcoSocialista, un partido que xorde, afirman, coa intención de aunar esforzos en torno ao galeguismo e á “esquerda renovadora”, achegando á política galega apostas polo pacifismo, ecoloxismo, a radicalidade democrática ou unha relación construtiva cos movementos sociais.

Parten co obxectivo de ser un “partido amábel” e con capacidade para incorpoar sectores sociais que senten “desafección” polas formas ou formulacións da política tradicional. Neste punto, procuran un “espazo central na esquerda nacional” galega, desde onde achegarán as súas propostas para erguer o “proxecto unitario” do que formarían parte tamén Acción Galega, Encontro Irmandiño e Máis Galiza.

Compromiso por Galicia

Neste sentido, as organizacións Acción Galega, Máis Galiza e Ecogaleguistas veñen de anunciar que chegaron a un acordo “de principios sobre bases políticas e liñas programáticas, de cara á súa confluencia nun novo referente político para o noso país”. Apuntan, neste sentido, que “cumprindo o compromiso anunciado”, estes principios comezarán a ser difundidos a partir de xa “para que sexan coñecidos pola cidadanía, ao tempo que se ofrece a esta a posibilidade de presentar as suxestións que estime convenientes”. Nese acordo non está, polo de agora, Encontro Irmandiño, partidario doutros ritmos.

Comentarios