Juárez nega as cargas ante o portal de Aurelia e afirma que a policía "só opuxo a forza dos seus corpos contra outros corpos"

O delegado do Goberno español en Galiza, Samuel Juárez, non debe ter acceso nin as fotografías de imprensa nin a imaxes de televisión. Por iso nega que houbese cargas policiais esta segunda feira perante o portal de Aurelia. Segundo a versión, a actitude da policía foi só defensiva. "A policía só opuxo a forza dos seus corpos contra outros corpos, dixo, alén de enfatizar que non se empregaran medios antidisturbios. O despexo de Aurelia podería ter sido aprazado até a vindeira semana. Porén, Stop Desafiuzamentos non se fía e manterá as quendas. Aurelia só aceitaría mudarse a unha morada na contorna daquela na que vive.


Aurelia despexo
photo_camera Aurelia despexo


[Última actualización 10.15 h.]

Continúan concentradas unhas cincuenta persoas diante da casa de Aurelia. Desde STOP Desafiuzamentos aseguran que non se moverán posto que "todo segue igual e non temos ningunha garantía de que non pase nada". Moitos nervios e a sensación de que hoxe será un día importante polo que a Plataforma realizou un "chamamento á participación, precisamos que veña máis xente".


[Última actualización 8:09]


Na mellor tradición negacionista dos delegados do Goberno, Samuel Juárez nega as cargas policiais perante o portal de Aurelia, na liña do seu partido, que no Parlamento galego se opuxo a tramitar unha declaración institucional contra a desproporcionada actuación das forzas de seguridade do Estado, que mallaron  en cidadáns que se concentraban perante o portal de Aurelia en solidariedade coa anciá e tamén en cargos públicos, entre eles o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera.

[Última actualización 21.44h]

Stop Desafiuzamentos realizará quendas pola noite diante da casa de Aurelia após non ter resposta á petición que realizaron de ter unha declaración formal de parálise do desafiuzamento.
Os sindicatos d@s Bombeiros da Generalitat expresaron o seu apoio á actuación d@s compañeiros da Coruña e anuncian que "só realizarán a apertura de vivendas en casos de emerxencia, como marca a lei".


[Última actualiación 19.50h] 

Arestora o avogado de Aurelia reúnese coa familia Pereira. Segundo fontes consultadas por este medio a octoxenaria non aceptará unha solución distinta á de ficar na súa morada. Neste senso, membros da plataforma STOP Desafiuzamentos anunciaron após a leitura dun manifesto que ficarán de garda perante a porta da vivenda para impediren calquera intento de despexar a Aurelia Rey. Aliás aseguran que non se moverán até que exista unha declaración formal de parálise do desafiuzamento. 

[Última actualización 18.30h]

Dereitos Civís vén de iniciar unha recollida de sinaturas na rede para exixir a demisión do delegado do Goberno español na Galiza por mor da carga policial para despexar a Aurelia Rey. 

Na exposición de motivos sinalan: "Porque na Constitución do Estado Español recoñécese que todo cidadán ten dereito a unha vivenda digna. O Delegado do Goberno, como representante do Estado na Galiza, lonxe de velar polo cumprimento dese dereito constitucional, organiza un inxente despregue policial para despexar a unha anciana da súa vivenda. Eses axentes chegaron a dar patadas, lanzar puñazos e nalgúns casos non levaban identificación".

Pódese asinar aquí. Malia vir de ser pendurada na rede, esta petición de demisión xa reuniu varias ducias de apoios.

[Última actualización 15.30h]

Aurelia Rey non acepta a proposta da Xunta, concretada a través do Valedor do Pobo e Instituto Galego de Vivenda e Solo, de se trasladar a unha vivenda social e abandonar a casa onde mora desde 1979 e que xa anteriormente habitaban familiares seus. Así o confirman membros de STOP Desafiuzamentos. "Ela ten claro que quere seguir na casa onde fixo a súa vida", apuntan.

Ducias de persoas seguen concentradas ás portas do piso de Aurelia Rey para evitar o desafiuzamento. Mesmo se están a fixar quendas de vixiancia para o que resta desta terza feira e para mañá. "Un muro de solidariedade de toda a xente para evitar a senrazón de botar á rúa unha muller de 85 anos", indican desde a plataforma.

[Última actualización 14.45h]

O BNG da Coruña exixe a comparecencia do ministro do Interior para que explique "por que razón" empregaron a forza os axentes desprazados até a Rúa Padre Feijóo. O portavoz municipal d@s nacionalistas, Xosé Manuel Carril denunciou a actuación da policía española na concentración que tivo lugar a pasada segunda feira ás portas da morada de Aurelia Rey. "Non é de recibo que vexamos como axentes da policía nacional utilizan a violencia cando se trata de situacións delicadas do ponto de vista humano", apuntou Carril quen tildou a actuación policial de "desprotección fronte aos abusos bancarios". 

Aliás, o grupo parlamentar do Bloque está a procurar unha "declaración institucional" no Pazo do Hórreo que condene a carga policial decorrida onte. PSdeG e AGE apoiaron a iniciativa nacionalista como así o amosaron após a Xunta de Portavoces que se realizou esta terza feira. No entanto, o voceiro popular, Pedro Puy rexeitou posicionarse perante unha realidade que di non coñecer con clareza e argüe que o contrario "non sería responsábel". 

Pola súa banda, desde Esquerda Unida veñen de amosar o seu apoio aos bombeiros que a pasada segunda feira se negaron a participar no despexo de Aurelia Rey. Neste senso aseguran que aplausan "o seu comportamento" e comprométense, din, a asumir "as súas consecuencias". 

[Última actualización 14.00h]

Malia que STOP Desafiuzamentos continúa a valorar a proposta achegada desde as institucións --a partir da mediación do Valedor do Pobo-- membros da plataforma e as persoas manifestadas ás portas da Rúa Padre Feijóo exixen que a vivenda de urxencia en réxime de aluguer social que lle foi ofertada á octoxenaria se produza "por escrito" e de maneira "formal". Ao berro de "non nos fiamos" as máis de dúas centas persoas que se concentran desde onte perante a morada de Aurelia Rey amosaron o seu rexeitamento ao que até o de agora non constitúe máis que unha proposta verbal.

O voceiro de STOP Desafiuzamento, Joaquín Díaz, amosouse aledado pola "participación das institucións" na procura dunha solución do conflito. Porén, o alcalde do Concello da Coruña, o popular Carlos Negreira, teimou esta terza feira en que a "o mellor é que [Aurelia] poida estar integrada nunha residencia" para persoas idosas. Segundo o rexedor coruñés "iso si, a portas abertas". Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo rachou co seu silenzo e pronunciouse a respeito do despexo de Aurelia. Neste senso, Feijóo asegurou que o executivo galego "non ten competencias" para desbotar unha sentenza xudicial; porén, engadiu que están a apoiar a procura dunha solución para que a octoxenaria teña "unha vivenda digna na que vivir". 

[Última actualización 13.12h] 

Membros da plataforma STOP Desafiuzamentos da Coruña desenvolven unha xuntanza con membros do Instituto de Vivenda e Solo á fin de que Aurelia poida acceder a unha morada en réxime de aluguer social. Segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, o xulgado tería asegurado ao avogado de Aurelia Rey que a sentenza de desaloxo é firme e que non cabe pois, recurso ningún, aínda que o avogado da plataforma vén de interpor un recurso. 

O despexo de Aurelia desenvólvese de acordo coa lei aprobada polo executivo de José Luis Rodríguez Zapatero en que permitía o desafiuzamento daquelas persoas que se demorasen no pagamento do alugueiro até en dúas ocasións. Así pois, malia a que a inquilina depositou xa o diñeiro adebedado do mes de abril, a familia estaría amparada pola lexislación para a despexar.

Neste senso, STOP Desafiuzamentos reuniuse coa familia Pereira --propietaria do inmóbel-- a fin de valorar a posibilidade de Aurelia permanecer na morada até que adopte unha decisión a respecto de se acepta ou non a proposta anunciada polo Valedor do Pobo. No entanto, segundo informan diversas fontes, os servizos de Asuntos Sociais do Concello da Coruña seguen a considerar o máis acaído que a octoxenaria se traslade a unha residencia para persoas idosas, unha opción rexeitada pola inquilina na conversa que onte mantivo con este medio.

[Última actualización 12.20h ]

Aurelia Rey e membros de STOP Desafiuzamentos manteñen arestora unha xuntanza no piso desta muller coruñesa. Reunión na que están a analizar, segundo membros da plataforma, a proposta do Valedor do Pobo de ofrecer a Aurelia unha vivenda social. "Estamos á espera de saber onde está, como é,... para poder ver o que facemos", afirma Joaquín Díaz. 

En todo caso, apuntan, e de aceptar a proposta, tamén pedirían "un prazo para poder facer o cambio desde o piso até esa vivenda". Apuntan, tamén, que a propia Aurelia é partidaria de estudar esa opción. "Di que mentres poida manter a súa liberdade, que valoremos".

[Última actualización 11.40h ]

Arestora centos de persoas continúan ás portas do edificio en que mora Aurelia para impediren que sexa desafiuzada após os acontecementos da pasada segunda feira. Segundo fontes consultadas por este medio, o avogado da octoxenaria atópase no xulgado na procura de evitar que sexa de novo fixada unha data de despexo. 

Coma xa informou Sermos Galiza onte, Aurelia adebedaba un mes de aluguer (abril) que xa foi depositado polo que o seu despexo non tería razón de ser. Aliás, apuntan desde a plataforma STOP Desafiuzamentos "contamos con que non a boten, ademais só ten dúas faltas" referíndose aos máis de cincuenta anos morando no mesmo piso da rúa Padre Feijóo (A Coruña). 

Neste senso, o asesor xurídico do Valedor do Pobo vén de anunciar que mediará no conflito e mesmo chegou a ofrecer unha vivenda social para Aurelia de ser finalmente desafiuzada, algo que procuran evitar as máis de dúas centas persoas que permanecen concentradas ás portas da vivenda. 

Onte, en entrevista con Sermos Galiza, amosábase tranquila e reprobaba especialmente o uso da violencia contra as e os cidadáns que a foron apoiar. 

Comentarios