sábado 28.03.2020

Dorado, sobre as súas viaxes con Feijóo: "Unhas cousas pagábaas el e outras, eu"

O narcotraficante racha co seu silenzo e fai pública unha conversa co seu letrado desde a cadea. Marcial Dorado nega ter participado no financiamento ilegal do PP e ter sido adxudicatario de contratos de Sanidade cando Núñez Feijóo era o número dous da Consellaría. "Nin Feijóo, nin Cruz nin ningúen me pediu un peso", subliña

 

[Imaxe: El País]
[Imaxe: El País]

Marcial Dorado volve á axenda mediática. Após a publicación das fotografías en que aparece acompañado do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o narcotraficante arousán decidiu facer pública unha conversa a través do seu letrado --que recolle El País-- na que avalía algunhas das informacións saídas á luz e a súa amizade co líder do executivo galego. 

De Feijóo di ter "bos recordos" e descríbeo como unha persoa traballadora, sinxela que "transmitía honradez" e "paixón polo traballo", polo que non lle sorprendeu o seu ascenso á Xunta de Galiza. Iso si, coida que o posto "lle queda pequeno" e que podería aspirar a máis. Asemade, láiase de que Núñez Feijóo considerase "un erro de xuventude" a súa amizade, "alá el", subliña, ao tempo que asegura ter sido máis prexudicado el na cadea por "tirarse fotos con políticos". 

Dorado di que as viaxes con Feijóo as pagaban unhas veces el e outras o presidente "como persoas normais" e di non entender tanta expectación ao respeito

Dorado afirma que Núñez Feijóo non coñecía das súas actividades delictivas porque ningún dos dous falaba do seu "traballo" mais entra en contradicións co presidente da Xunta en relación á data en que ambos os dous deixaron de manter contactos. Se ben é certo que coinciden en sinalar o enterro de Manuel Cruz --chófer de Romay Beccaría-- como último emprazamento, Dorado nega ter mantido contacto telefónico con Núñez Feijóo para alén de 1999. Unhas conversas que terian sido obxecto de gravación e que mesmo foron recoñecidas polo propio presidente.

Para o narco arousán, esas conversas non existen e bate contra o xuíz Vázquez Taín por terse referido a elas. "É mentira, é falso, como todo o que provén desa fonte", di en relación a Taín ao que di, "fraco favor" lle fixo ao presidente "se é que o quería axudar".  

O narco nega ter achegado diñeiro para financiar o PP mais di que Crespo tiña "moito interese" en coñecelo

Inquirido pola súa participación no financiamento irregular do Partido Popular, Marcial Dorado nega ter achegado diñeiro para a formación. "Nin Feijóo nin Cruz nin ninguén me pediu un peso", afirma. No entanto, di que no seu momento Pablo Crespo --secretario de Organiación do PPdeG naquela altura-- tivo  "moito interese" en coñecelo mais que "non lle interesou". 

En relación cos contratos que as empresas de Dorado poderían ter obtido da Consellaría de Sanidade --da que Núñez Feijóo era número dous-- o narco négaos de maneira taxativa mais indica que após coñecer a Manuel Cruz, logo comezaron a desenvolver negocios arredor da venda de gasóleo pois di, coñeceuno a través dun directos de Campsa. 

comentarios