luns 20.01.2020

Un documentario defende que o monte comunal é o que menos arde e o que dá máis beneficios

Un 25% do noso territorio é monte veciñal que implica a unhas 150.000 persoas recoñecidas como comuneiras. O documentario “En todas as mans” pretende visibilizar os proxectos innovadores e defender o futuro do monte en mans colectivas. O xeógrafo e produtor Alberte Román defende que os montes das comunidades son os que dan máis beneficios e menos arden. 

Monte en mancomún
Monte en mancomún

“No monte en mancomún atopamos algunhas comunidades con proxectos moi interesantes, que apostan pola diversificación e o aproveitamento, creando emprego. O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”, di Alberte Román, xeógrafo e produtor Executivo de “En todas as mans” o documentario que está a dirixir Diana Toucedo e produce a cooperativa Trespés de Redondela. 

Neste mes de xullo gravaron durante vinte días en comunidades de montes como Lira, Covelo ou Teis e a súa idea é desenvolver outra fase na que se comprobarían as mudanzas que se producen nos montes. No proceso de elaboración, a equipa de “En todas as mans” visitou moitas comunidades de montes e fixeron unha selección para mostrar a realidade do monte en man común galego. “Desde as administracións fixeron pouco para contribuír a que os viciños fosen actores na xestión dos montes. Faltou asesoramento e o acompañamento nun proceso no que se está a producir unha transformación nas comunidades”, sinala Román. 

 "O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”, di Alberte Román

O monte veciñal ocupa o 25% do noso territorio e implica a 150.000 persoas recoñecidas como comuneiras con dereitos. “Esa magnitude non se atopa noutros contextos europeos e consideramos que é unha ferramenta que temos que potenciar”, sinala Alberte Román despois de visitar comunidades que están a desenvolver proxectos vinculados ao patrimonio histórico -petroglifos e castros fundamentalmente, aproveitamentos turísticos con rutas de sendeirismo ou de produtos como mel ou cogomelos, como se está a facer en comunidades como a de Mondoñedo ou Covelo. 

“A invisibilidade co que se está a facer no monte por parte das comunidades é inmensa. Por todo o país hai xente ideando proxectos innovadores que non transcenden. O interesante sería consideralos como unha estratexia de país e confiar no seu potencial. O monte veciñal é precisamente o que non está abandonado, o que menos arde, máis coidado que o de pequenos propietarios”, defende Román, para quen, diante do abandono do privado, o que está en mancomún está a ter sempre algún tipo de aproveitamento, o que demostra, ao seu ver “a súa funcionalidade, non se trata, como algúns din, dunha figura obsoleta, senón de grande interese”.  

As cámaras volven ao monte

 A través da páxina todasasmans.com recorren ao financiamento colaborativo, buscando achegas colectivas e tamén o apoio dalgunhas entidades. A recompensa pola colaboración económica no proxecto consiste nunha árbore autóctona plantada no monte. Desde a cooperativa Trespés pretenden tratar de visibilizar a realidade dos montes comunais e mostrar esta singular forma de xestión que, ao seu ver, ten futuro non só para a conservación e posta en valor do monte, senón tamén como un recurso de desenvolvemento económico que pode xerar emprego, producir benestar social e repercutir, desta maneira, en toda a comunidade. 

As cámaras non volvían ao monte comunal desde que en 1978 o director Llorencs Soler elaborou o seu traballo audiovisual producido pola Coordenadora de Montes Comunais co fin de documentar a historia da loita labrega para recuperar a súa propiedade. Agora, máis de trinta anos despois, o monte comunal volve ser protagonista dun documentario no que se defende o seu futuro e se fan visíbeis todas as posibilidades de futuro. “Do monte só se fala cando arde e nós pretendemos que se fale durante máis tempo, tamén para iso, para que non arda”, din desde a equipa do documentario.

Un documentario defende que o monte comunal é o que menos arde e o que dá máis beneficios
comentarios