venres 07/08/20

Nace Lega: do ximnasio ás estrelas por un lecer en galego

Fitness , astronomía e xogos para computador. Estas son as tres primeiras apostas de LEGA, Lecer Galego, que se presentará a próxima quinta feira en Compostela promovido por GalegoLab.
Do ximnasio ás estrelas por un lecer en galego

Diante da falta de recursos lúdicos en galego, Galegolab bota a andar LEGA (Lecer galego), unha proposta que nace co obxectivo de pór á man ferramentas dixitais para o entretemento en galego ofrecidas baixo licenzas libres que permitirán o uso e espallamento. 

Á partida, LEGA botará a andar Galegogym, unha iniciativa encamiñada a galeguizar o fitness a través dun cd de música dirixido ao deporte no que participaron artistas como Projecto Mourente ou Galego Z e Zimmer 103. A idea é que os materiais se puideren distribuír polos ximnasios nos que a música en galego se combine cos exercicios deportivos. http://galegolab.org/proxecto-aberto/galegogym-1/

Para os amantes da astronomía, LEGA achegará material dixital, unha guía básica, un dvd para usos xenéricos con mapas e atlas celestes. A colaboración coa asociación Astronomía na Beirarrúa permitiu artellar os contidos destes materiais. http://astronabeira.blogspot.com/,
Contribúen tamén para diminuír a grave carencia de xogos de computador na nosa lingua coa tradución, de saída, do Frozen Bubble (http://www.frozen-bubble.org/) e Childsplay (http://www.schoolsplay.org/). A tradución da curtametraxe de animación Sintel completa esta primeira oferta de GalegoLab para o tempo de lecer.
GalegoLab é unha plataforma de promoción colectiva e social de iniciativas pola normalización do galego que ten na súa páxina web neste momento arredor de corenta ideas en funcionamento. Entre as máis sinaladas están a lectura colectiva para as Letras galegas ou a proposta para o Depor usar o galego nas súas comunicacións e aínda o posicionamento do galego nas redes sociais.

comentarios