Diversos actos lembrarán as vítimas do sinistro de Angrois após un ano do accidente

A conmemoración do cabodano do accidente ferroviario desenvolverase ao longo de toda a xornada e en distintos encontros. 

photo_camera angrois

Este 24 de xullo cúmprese un ano do accidente ferroviario acontecido en Angrois. Após 365 días, as asociacións de vítimas e prexudicad@s continúan a demandar unha investigación parlamentar que dirima as posíbeis responsabilidades dos gobernos español e galego no sinistro que rematou coa vida de 79 persoas e deixou centos feridas. 

Porén, ao longo deste tempo tanto PP como PSOE rexeitaron en numerosas ocasións a creación dunha comisión investigadora quer no Parlamento de Galiza, quer no Congreso español. Un feito que foi duramente criticado desde as asociacións de vítimas e as forzas da oposición, as cales, e após os autos emitidos polo xuíz instrutor da investigación xudicial, continúan a ver responsabilidades políticas nas causas do descarrilamento do Alvia 014155. 

As plataformas de prexudicad@s reclaman a creación dunha comisión de investigación após un ano do sinistro

Tanto é así que familiares das persoas falecidas e prexudicad@s polo accidente solicitaron @s representantes dos partidos maioritarios da Cámara que non acudiran aos actos de homenaxe, nomeadamente ao que terá lugar en Angrois esta quinta feira ás 19.30 horas por consideraren a súa presenza "un ataque á dignidade das vítimas". 

"Agardamos que ese día para o recordo non se vexa escurecido pola presenza de quen, despois de nos mentir, ignorar e maltratar, vaian facerse a foto propagandística", sinalou un dos integrantes da Plataforma Alvia 014155, Gómez Simón, en comparecencia de imprensa. 

Así os actos convocados prolongaranse durante toda a xornada e terán tamén un ton institucional. Ás 11.30 horas a Asociación Alvia 014155 convoca unha concentración na Praza do Obradoiro. Pola súa banda, o Partido Popular chama a gardar un minuto de silencio ás 12.00 horas perante a súa sede. 

A Xunta de Galiza mantén a entrega da Medalla de Ouro embora a veciñanza de Angrois e unha das asociacións de vítimas non acudiren ao acto

Homenaxe institucional

Ás 13.00 horas a Xunta entregará a Medalla de Ouro de Galiza na Cidade da Cultura. Embora a veciñanza de Angrois --a galardoada-- non acudirá á entrega do premio por considerar que esta é unha data "para o recollemento das vítimas", o goberno galego levará a cabo igualmente o acto e fará entrega do galardón @s profesionais e voluntari@s que fixeron parte do operativo de resgate. 

Neste acto institucional estará presente tamén o PSdeG-PSOE, a pesar de ter criticado a decisión da Xunta de adiantar ao 24 a cerimonia. Méndez Romeu, portavoz parlamentar d@s socialistas, afirmou que a súa participación será por "respecto institucional". 

Tamén estará presente a Asfapa, non así a outra asociación de vítimas nen @s galardoad@s que emprazaron a Xunta a desenvolver o acto noutra data. No entanto, Alberto Núñez Feijóo teimou en manter a idea da Xunta de Galiza, se ben o seu vicepresidente amosara vontade por procurar unha outra data de consenso coa veciñanza. 

Ás 17.00 horas unha misa na Catedral de Santiago lembrará tamén as vítimas no único acto relixioso que terá lugar o 24 de xullo. 

Comentarios