Feijóo cárgase de tópicos para describir a Galiza no seu discurso de fin de ano

Alberto Núñez Feijóo pronuncia o seu discurso de fin de ano desde a casa de Rosalía de Castro en Padrón e asegura que "máis cedo que tarde" mudará a actual situación para o que fixo un chamamento "á unidade política". Asemade, o líder d@s populares aproveitou o discurso oficial para agradecer a vitoria nas urnas do Partido Popular e a confianza, dixo, "no noso proxecto".
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galiza
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galiza

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, elixiu a Casa museo de Rosalía de Castro, en Padrón, para pronunciar o seu discurso co gallo da entrada do novo ano. Rodeado pola imaxe da poéta nacional, o líder d@s populares galeg@s quixo pór en valor a imaxe de Rosalía de Castro a piques de se conmemorar o 150 aniversario da saída do prelo de Cantares Gallegos.

Ficando no tópico da Rosalía chorona, de quen dixo a súa obra "reflicte un gran desacougo persoal" Núñez Feijóo estabeleceu un paralelismo entre a negra sombra rosaliana e a "fonda amargura dun tempo en que Galiza semellaba escurecida". Porén, o presidente da Xunta de Galiza, tamén quixo salientar a figura de Rosalía como "un fito na recuperación da nosa identidade". Neste senso, Núñez Feijóo fixo un chamamento á sociedade galega para "saír a diante" fronte á actual situación económica, "unida polos vencellos da concertación, a cooperación e o entendemento".

Cun marcado ton esperanzador con que procurou transmitir enerxía a un pobo atacado polas políticas de reformas e recortes desenvolvidas durante a anterior lexislatura, mais sen referencias directas ás problemáticas actuais, o presidente do executivo galego asegurou que o vindeiro ano será "un tempo para empezar a rexurdir". Malia as reducións orzamentarias presentadas polo goberno da Xunta nos Orzamentos de 2013 e as retalladas salariais, Núñez Feijóo asegurou que "os desempregados están presentes en todas e cada unha das decisións" e apelou ao espírito da galeguidade, do que dixo, "non é outra cousa que unha man tendida ao galego que temos ao noso lado", para superar uns tempos tan difíciles.

"Unidade política para saír adiante"
O presidente da Xunta de Galiza, aproveitou o discurso de fin de ano para lanzar unha mensaxe ás demáis forzas políticas, nomeadamente, ao principal grupo da oposición, para defender "o ideal colectivo" de maneira unida aínda que "cada un desde as súas responsabilidades", acrecentou o presidente que non dubidou en gabar a súa xestión de goberno durante a intervención asegurando, máis unha vez, que "Galiza é unha comunidade estábel cun rumbo seguro e horizonte certo"e que mesmo, aseverou, garantiu os servizos públicos "fronte a incerteza da nación española". Porén, botou man de novo aos tópicos para definir a suposta "personalidade" do pobo galego do que dixo, "somos o emigrante capaz de compartir a fidelidade á súa terra de orixe co compromiso coa súa terra de adopción".

Ao igual que fixera durante o seu discurso de investigura, Alberto Núñez Feijóo apelou á necesidade dunha "Galicia global" que, segundo o presidente se está a construír hoxe cumprindo co desexo que "Rosalía e tantos outros como ela soñaron".

Comentarios