As declaracións sobre os recortes e a Dependencia fan caer o Valedor, pese ao amparo do PP

Presentou a renuncia o mesmo día en que o PP rexeitou debater no Parlamento sobre o seu cesamento, tal e como pedían os grupos da oposición. Levaba no cargo desde o 2007 e concluía o mandato dentro de dous meses

"Na data de hoxe presento a miña renuncia ás funcións que desempeño como Valedor do Pobo por designación do Parlamento de Galiza". Con estas palabras, e tan só unhas horas despois de que o PP apoiase coa súa maioría absoluta que Benigno López rematase o seu mandato de cinco anos, o alto comisionado presentou a súa demisión no Hórreo despois da marea de críticas que lle caeron enriba polas declaracións en que apostaba por unha "suspensión temporal" da aplicación da Lei de Dependencia e amparaba os recortes emprendidos desde Madrid, cualificándoos de "imprescindíbeis, xustos e necesarios".

Así, aínda nesta terza feira, o PP rexeitou a inclusión dun debate no pleno do Parlamento para discutir o cesamento de López, tal e como o pediran os grupos da oposición, deixando claro que a postura da formación conservadora será "oporse" á saída do alto comisionado, de quen defenderon que cumpriu co seu labor estatutario.

Mentres, PSOE e BNG puxeron sobre a mesa dúas posibilidades para axilizar o cesamento, que pasaban por incluír un punto na orde do día do vindeiro pleno --PSOE-- e por facer o propio na Comisión de Peticións --BNG--. Porén, a Mesa do Parlamento --o órgano reitor onde contan con representación todos os grupos-- decidiu que non se convocaría "de momento" a devandita Comisión que reclamaba a formación frontista.

Benigno López, que deixa o seu cargo a tan só dous meses de finalizar o mandato, foi nomeado en 2007 por unanimidade dos tres grupos parlamentarios, a proposta do PSOE. As apelacións ao esforzo da cidadanía por afrontar as tesoiradas nos dereitos sociais contrastan con algunhas das decisións que tomou á fronte desta institución, como a compra dun carro oficial de alta gama que custou case 63.000 euros dos 70.800 que estaba disposto a gastar, segundo informou a prensa española uns días despois das polémicas declaracións do xa ex Valedor.

No que respecta ao orzamento con que contaba a institución, este era un 8.5% maior que antes do nomeamento de López, dispondo neste ano de 2.027.945 euros, 157.000 máis que hai cinco anos. O soldo do Valedor superaba os 70.000 euros brutos ao ano. 

Comentarios