Diego Calvo cobrou 4.500 euros por consellos do Porto de Ferrol aos que non asistiu

A Autoridade Portuaria de Ferrol pagou 22.166 euros a conselleiros que non asistían ás xuntanzas.Un informe de Intervención do Estado desvelado por El País sinalaría o presidente da Deputación coruñesa como un dos beneficiarios. El di que devolveu os cartos.

Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña
photo_camera Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña

O Porto de Ferrol gastou case 76.000 euros en retribucións ao seu consello. Desa cantidade, e segundo a auditoría de Facenda citada polo diario El País, 22.166 foron para pagar “dietas por asistencia sen concorrencia efectiva”. É dicir, que foron para conselleiros que non asistiron ás xuntanzas do organismo.
O informe da Intervención Xeral do Estado que desvela El País destaca que un deses conselleiros percibiu 4.565 euros malia non acudir a ningunha das sesións realizadas no exercicio 2012. Non citan o nome, mais o diario sinala que é Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña e concelleiro en Ferrol.

Calvo admitiu a El País que cobrara eses máis de 4.500 euros, mais asegura que os devolveu “por responsabilidade e para evitar suspicacias”. Iso si, apuntou mesmo a que non tiña obriga de devolver ese diñeiro.

Conselleira

Cada Autoridade Portuaria (en Galiza hai cinco) ten liberdade para fixar as cuantías por asistencia a consellos. Fontes consultadas por El País sinalan que na de Ferrol anda por volta de 300 euros cada xuntanza. Polo Consello do Porto ferrolá tamén pasou a conselleira de Sanidade cando era xerente do Sergas. Estivo entre xuño de 2009 e marzo de 2012. Dos 20 consellos realizados, asistiu a cinco.

Comentarios