A bandeira azul e negra volve ondear nas rúas, 11 anos despois, pola dignidade

Este domingo hai once anos da manifestación de 300.000 persoas que colapsou Compostela para exixir responsabilidades polo Prestige. E máis unha vez, o pobo galego está chamado, unha década despois, por Nunca Máis ás rúas para rexeitar a sentenza da impunidade e deixar claro que non esquece. 

nunca maís

“Necesitamos demostrar de novo a nós mesmos, ao conxunto do Estado, a toda Europa e ao mundo que Galiza existe como país”. Díxoo o escritor Suso de Toro esta sexta feira nunha rolda de prensa da plataforma Nunca Máis na que se convocaba ás manifestacións que hoxe, 1 de decembro, van percorrer as cidades do país. A sentenza do Prestige que deixaba sen castigo a maior catástrofe ambiental de Europa foi, para gran parte da cidadanía galega, unha labazada. Un galapo.

As manifestacións son ás 12:00 agás en Ferrol onde comezará ás 12:30 fundíndose coa gran mobilización polo naval e o futuro da comarca

Once anos despois, as rúas galegas volverán encher de bandeiras engras e azuis. Son cores nas que se enlaza a dignidade da resposta coa carraxe da aldraxe sufrida. Nunca Máis convoca manifestacións que partirán ás 12:00 horas en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Compostela, Vigo e Foz. En Ferrol será ás 12:30, da man da gran mobilización contra outro chapapote: o do goberno que afunde o naval e deixa sen futuro toda unha comarca.

Mais tamén haberá, este domingo, concentracións en Barcelona, Madrid, Londres, Breizh (Bretaña) e e mesmo en Praga.

“Dicímolo no código do mar: Delta India Mike India Serra India Oscar November: demisión"

Encher as rúas

As mobilizacións convócanse para, en palabras de Rafa Vilar, da xestora de Nunca Máis, “dicir non á impunidade porque hai responsabilidades directas de que ese buque fose unha chatarra flotante que navegaba fronte as costas galegas”.

“Dicímolo no código do mar: Delta India Mike India Serra India Oscar November: demisión", proclamou o escritor Manuel Rivas desde o micro na manifestación de hai 11 anos nunha Praza do Obradoiro ateigada. Expresaba así a exixencia que resoou nas rúas da capital galega durante as por volta de catro horas que durou o protesto. Caía auga a chuzos. "Polycomander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo e agora Prestige. Non queremos contar máis. Abonda!", continuou Rivas. "Estamos xa petroleados deica as praias das nosas almas", acrecentou.

Once anos despois daquel chamamento, @s galeg@s volven estar convocad@s á rúa por Nunca Máis. Debería darse unha resposta masiva. Aínda que só sexa por amosarnos a nós propi@s que existemos.

Comentarios