Os sindicatos CIG, CCOO e UGT fan un chamamento á cidadanía galega para que participe nas manifestacións convocadas para este xoves,19 de xullo, nas principais cidades e vilas baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen”.
Os tres sindicatos xa advertiron que o novo plan de recortes de Rajoy non quedaría sen resposta e este é o primeiro chanzo dunha andaina, que de non rectificar o Goberno, preséntase longa e dura porque o executivo central, advirten, está xogando con lume.
Ataque tras ataque á cidadanía
As centrais denuncian que o goberno español impón un conxunto de medidas dirixidas a recortar, unha vez máis, dereitos e precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores.
Con ese obxectivo o Goberno impón a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%, así como, o endurecemento dos requisitos para o acceso á renda activa de inserción; incrementar os impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao 10%; suprimir a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos e a súa negociación colectiva; reducir as empresas e fundacións públicas; delimitar a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; liberalizar o sector servizos ou flexibilizar os horarios comerciais; ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras.
Pero é que xa anuncia tamén recortes para os pensionistas que levará ao Pacto de Toledo e novos ataques á dependencia.
LUGARES E HORA DA CONVOCATORIA
- Santiago: 20:00 horas, con saída da Alameda
- Lugo: 20:00 horas con saída da Ronda da Muralla, do local sindical
- Burela: 20:00 horas, da Praza da Mariña
- Arousa (Vilagarcía): 21:00 horas, da Casa do Mar
- Pontevedra: 20:30 horas, da Praza da Ferrería
- Ourense: 20:00 horas, do Pavillón dos Remedios
- Vigo: 20:30 horas da Vía Norte
- Ferrol: 20:30 horas do Inferniño
- A Coruña (acto central): ás 20:00 horas da Praza da Palloza
- Ortegal: 20:00 horas. Fronte á Casa do Concello de Ortigueira
- Vilalba: 20:30. Diante da Casa de Cultura