Dez anos sen Luísa Villalta

De repente, conmocionando o mundo literario no que ela estaba tan inmersa, morría o 6 de marzo de 2004 na Coruña a escritora e música Luísa Villalta. Autora dunha obra que visita poesía, narrativa, ensaio, teatro e xornalismo, o nome de Luísa Villalta agromaba nun sinfín de iniciativas que reclamaban dereitos e liberdades sociais e nacionais. 

Luísa Villalta
photo_camera Luísa Villalta (Arquivo AELG)

No ámbito literario, social e político, Luísa Villalta implicaba o seu nome en causas que reclamaban a xustiza e a igualdade, de maneira singular, aquelas que defendían os nosos dereitos culturais e lingüísticos. Comprometida co movemento nacionalista, era fácil atopala recitando ou en reflexións compartidas en actividades organizadas por asociacións e entidades, entre elas, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, da que formou parte da directiva, ou a Mesa pola Normalización Lingüística, á que tamén pertencía. 

A súa participación activa no Foro Negro da cultura, nacido despois de que o Prestige atacara o país, foi un dos último exemplos da súa maneira comprometida de entender a cultura. Pouco antes, o seu era o nome dunha das persoas promotoras do Foro da Cultura Galega, coordinando a área de “Revisión Histórica e Análise Crítica da Cultura”, canda outros intelectuais e amigos como Xosé Mª Álvarez Cáccamo ou Ánxel Huete. 

Profesora de Lingua e Literatura Galega, Luísa Villalta tíñase formado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago mais tamén rematara estudos superiores de violín, chegando a formar parte, entre outras, da Xove Orquestra Galega. Desa unión entre a música e a poesía partirían varias das súas obras literarias, tanto líricas como ensaísticas, entre elas, O outro lado da música, a poesía, ou A lingua dos sons.

Letras de intervención 

O carácter de intervención co que Luísa Villalta entendía a cultura agroma de maneira especial na súa presenza con artigos en diversas publicacións periódicas, entre elas, Man Común, a Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, A Trabe de Ouro, Enclave e, moi especialmente A Nosa Terra, semanario no que mantiña presenza periódica que logo se recollería en  Libro das columnas. 

O seu último libro, En concreto (2004) recibira o Premio Espiral Maior e o Premio da Crítica, xa a título póstumo. Despois da súa morte aparecería Papagaio (2006), un volume no que os seus versos publícanse a carón das imaxes de Maribel Longueira retratando a decadencia do barrio da Coruña.

Ademais destes títulos, a obra de Luísa Villalta visita a poesía con Música reservada ou Ruído, ; a narrativa con Silencio, ensaiamos ou Teoría de xogos; o teatro con Concerto para un home só, , O paseo das esfinxes ou  As certezas de Ofelia e o ensaio cos títulos O don Hamlet de Cunqueiro, unha ecuación teatral e O outro lado da música, a poesía. 

Homenaxes nos dez anos 

A Asociación de Escritores e Escritoras dedicaralle en breve unha homanaxe de lembranza no décimo aniversario da súa morte, e o próximo día a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega celebrará a xornada Xela Arias e Luísa Villalta: Letra,s inetrartes, proxectos na fin de século, dedicada ás dúas poetas mortas con moi poucos meses de diferenza e coordinada por Ana Romání e Arturo Casas.  O Álbum de Mulleres recolle documentación sobre a súa vida e a súa obra e a Biblioteca Virtual Galega ofrece a posibilidade de achegarse a algúns dos seus textos. 

No seu texto escrito á maneira dunha poética e titulado “Sobre un certo estado de conciencia”, Luísa Villalta anota: “Os temas son moi poucos. A vida e a morte. Talvez só a vida (ou só a morte). Sexan os que foren, nas súas infinitas variacións poden encontrarse nas Enciclopedias, nos libros de Historia ou (e non é raro) de Teoría Matemática, na información diaria que nos fai deglutir a realidade, en cada ocasión en que se ten a certeza de estar vivindo. Os temas non son meus, son o mundo mesmo. E, á vez, o mundo mesmo son eu. O tema é o que me fai a min comunidade: unha preocupación polo devir da humanidade, unha maneira galega de ser humana, unha preocupación polo devir de ser galega”.

Voces que a coñeceron, imaxes do seu arquivo, fragmentos da súa obra e unha viaxe a través da súa biografía son os elementos que constrúen o documental "Luísa Villalta. Paixón e compromiso", elaborado polo alumnado do centro no que a escriotra e música deu clases antes da súa morte que se estreou o pasado ano. 

Comentarios