Está detido o maquinista? Foi imputado? Cal é a súa situación?

Sermos Galiza consulta fontes xurídicas para esclarecer a situación en que se atopa Francisco G.A., o traballador que conducía o comboio sinistrado en Angrois



Está detido?

Non. O maquinista que conducía o comboio que descarrilou na curva da Grandeira fica ingresado no hospital, custodiado pola policía, mais non foi detido.

Cal é a diferenza? A efectos prácticos ningunha. A efectos legais, a detención tería privado o maquinista completamente da súa liberdade, namentres a custodia fai referencia a que a persoa se atopa baixo o control da policía. 

Por que non foi detido? Adóptase a decisión da custodia policial para persoas que se atopan en condicións de vulnerabilidade, como é o caso do maquinista, que se atopa ingresado nun hospital.

Está imputado?

Formalmente, tampouco está imputado. A policía xudicial tomoulle declaración no marco da investigación que desenvolve e co obxectivo de elaborar o atestado, que servirá despois ao Ministerio fiscal para presentar acusacións. 

Non estará imputado namentres non declare perante o xuíz que instrúe o caso. Con todo, cómpre sinalar que xa lle foi entregada a citación para declarar como imputado, polo que podería dicirse que se atopa nunha situación provisoria: se a versión que ofreza convence ao xuíz de que non é responsábel do delito polo que vai declarar --homicidio por imprudencia--, entón arquivaríase a causa.

No caso contrario pasaría a estar oficialmente imputado e decidiríase sobre a súa detención ou liberdade provisoria.

Comentarios