Os desafiuzamentos centran o nº68 de Sermos Galiza

Unha entrevista co secretario xeral da CIG, Suso Seixo, o debate parlamentar sobre o dereito de autodeterminación nas Cortes españolas e a expulsión da frota cefalopodeira galega de augas mauritanias entre os temas que atoparás esta semana no semanario.

capa
photo_camera capa

No Tema da semana poñemos rostro aos despexos. Sandra Salgueiro e Elisabeth Sanlés estiveron a piques de perder as súas casas os pasados 7 e 8 de outubto. A presión social social paralizou senllas ordes de despexo. As dúas atinxidas son mulleres e cabeceira dunha familia monomarental. Casualidade?

Nas páxinas interiores analizamos como o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo quere reconquistar Madrid cun discurso co que quere recuperar terreo nas súas aspiracións madrileñas. Asemade, revisamos o debate parlamentar desenvolvida a pasada terza feira no Congreso español e no que o enroque das forzas unionistas se aliou contra o dereito de autodeterminación. 

Na Galiza, damos conta do debate do estado da nación que terá lugar no Pazo do Hórreo os días 15, 16 e 17 de outubto. Co tempo de intervención dos grupos limitado e un máximo de 50 propostas de resolución por forza política, a sesión visa ser axitada. 

Nas páxinas de Economía focamos a atención no sector naval e como Navantia procura osíxeno no sector civil como última alternativa a un sector naval asfixiado. Aliás, analizamos a nova pancada da UE a Galiza coa ratificación dun protocolo pesqueiro que expulsa definitivamente á frota cefalopodeira galega do caladoiro de Mauritania. 

Na sección de Deportes, achegámosvos unha dupla páxina sobre o hókey galego após dúas xornadas en que as equipas galegas do Liceo e o Cerceda desafiaron ao poderoso hóckey catalán. 

En Cultura botamos a ollada atrás no 50 aniversario da História da Literatura galega de Carvalho Calero. Unha obra de case 900 páxinas que recolle unha sistematización da nosa historia literaria. Aliás, conversamos con Manuel Buciños. Este escultor ourensán ábrenos a porta do seu estudo e fala con sinceridade da súa obra da que di comezou polo seu "amor á materia". 

En Andar na Terra visitamos O Pico do Surcio situado na Serra dos Ancares. Un lugar ao que hai que ir, queiras ou non. Para @s máis cativ@s recomendamos Pan de millo, un libro editado por Kalandraka no que música e teatro se misturan a lume lento. 

Todo isto e moito máis poderás atopar, coma cada semana, nos quiosques e librarías do país mercando o Sermos Galiza. Tamén disponíbel na nosa loxa.

Comentarios