Desafiuzados a petición do alcalde

O goberno municipal do PP na Coruña solicita o despexo sen ofrecer unha alternativa de catorce familias de avanzada idade que viven nos terreos onde está prevista a construción do chamado Parque Ofimático, unha pelotada urbanística coa que benefician os intereses do xefe da patronal galega, Antonio Fontenla. 

Concentración de Stop-Desafiuzamentos
photo_camera Concentración de Stop-Desafiuzamentos

O drama dos desafiuzamentos, nas súas múltiples versións, non só representa un dos cumios da crueldade que está a marcar a xestión da crise senón que tamén estase a converter nun teatro de boas palabras sen reflexo práctico por parte d@s gobernantes, só dispost@s a actuar cando se ven desbordados pola presión social. Con todo, normalmente a imaxe dos despexos está ligada aos intereses da banca ou de familias potentadas. Mais non é en todos os casos así. Nalgúns son as propias institucións públicas as que deixan á xente sen casa. Pode ocorrer axiña na Coruña, onde o alcalde do PP, Carlos Negreira, solicitou, conseguiu e agora ten pendente de execución o lanzamento forzoso de catorce familias, a maioría de avanzada idade, sen ofrecerlles ningunha alternativa e co único fin de beneficiar ás grandes construtoras e ao empresariado do ladrillo, como por exemplo o líder da patronal galega Antonio Fontenla. 

"O alcalde do PP, Carlos Negreira, solicitou, conseguiu e agora ten pendente de execución o lanzamento forzoso de catorce familias"

Lugares como Eirís ou Elviña-Castro, das poucas rurais que quedan no concello coruñés e cuxa historia tan ben foi relatada por Manuel Rivas en As Voces Baixas, son os que quedarán en breve sepultados baixo cemento procedente da vella burbulla urbanística creada na cidade polo ex alcalde Francisco Vázquez e continuada agora con pracer -malia estoupidos- polo PP de Negreira. Ninguén simboliza mellor o que alí vai ocorrer que Manuel Martínez Ramallo, de máis de oitenta anos e corenta vivindo no seu actual fogar, que terá que abandonar nas próximas semanas malia non ter onde ir. “Levo aquí toda a vida, morro se teño que marchar a un piso”, afirmou ao recibir a notificación do xulgado, que chegou poucos meses despois da que lle enviou a concellería de Urbanismo esixíndolle que deixara a casa. Tivo que ser a familia quen lle explicou o que poñían ambas, posto que el non sabe ler. 

Desde a porta dos domicilios onde viven catorce familias xa son visíbeis as escavadoras de Acciona.  Participarán da urbanización do chamado Parque Ofimático, que ademais pode levarse por diante tamén patrimonio histórico como a Fonte dos Caños, con séculos de historia. Pero ademais, o das persoas ameazadas polo despexo é un drama dobre, posto que ao mesmo tempo tamén son tratadas como promotores inmobiliarios, malia que moit@s apenas subsisten con pequenas pensións. A explicación afonda nas vellas prácticas -enganosas segundo moitas fontes- coas que se chegou a un acordo para a expropiación que converterá a zona noutro símbolo do cemento. Aos e ás propietari@s se lles impuxo unha solución segundo a cal quedarían con terreos, pero recibindo o mesmo tratamento e obrigas -incluídos pagos- que unha grande inmobiliaria, algo absolutamente desmedido e que tras o estoupido urbanístico e o incumprimento de prazos -algunhas construtoras intentaron renunciar ao que asinaran- xa non é posíbel. Por iso reclaman agora. O concello fala de que buscará solucións individuais, pero nada hai concreto. Non acredita na permuta da edificabilidade por parte do custo da obra que piden @s residentes. “Din que tiñamos que ter reclamado antes esa solución, pero a xente afectada non sabía isto. Como ían facelo se algúns nin saben ler”, explica Xosé Antonio Sánchez, portavoz do colectivo. O modus operandi da historia ten moito en común co ocorrido coas preferentes. Señores con garabatas mareando con promesas a persoas maiores que agora se decatan de que van quedar sen nada. E ás que non se lles ofrece ningún tipo de solución lóxica e perfectamente posíbel. 

Comentarios