Desactivado o nivel de alerta 1, a Asociación Monte Pindo exixe declarar a zona como catastrófica

Os servizos de emerxencia desactivaron esta tarde o máximo nivel de alerta após comezar a orballar. O movemento ecoloxista e o Concello de Carnota insisten na urxencia de declarar a zona como catastrófica  para iniciar a recuperación do Monte Pindo

photo_camera [Imaxes: @franhermida1]

As cifras oficiais apuntan a 2.200 hectáreas ardidas após desactivaren o nivel 1 de alerta no lume que arestora permanece activo no Ézaro. O orballo iniciouse a mediodía como unha beizón para o Monte Pindo e os concellos aledaños de Mazaricos e Dumbría a onde se espallaron as lapas após catro xornadas de loita infatigábel contra o lume. 

"Está todo arrasado" asegura Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural en conversa con Sermos Galiza. "Non queda nin un só anaco de monte por arder". Embora a choiva sexa leve e os partes meteorolóxicos non apunten cara á unha tormenta, a preocupación cérnese agora perante as consecuencias que podería ocasionar unha grande tromba de auga. "Non hai previsión", sinala Mario Maceiras mais coa lóxica preocupación de que a choiva poida arrastrar as cinzas dun monte sen árbores e producir "riadas e lodos" altamente contaminantes. 

O PP rexeita apoiar o Concello de Carnota como "zona catastrófica"
Neste senso, desde a Asociación Monte Pindo mais tamén desde o movemento ecoloxista urxen a catalogación da zona como catastrófica, unha iniciativa que xa foi levada ao Pleno municipal --polo propio alcalde de Carnota-- á fin de "aliviar o sufrimento" após os danos causados polo lume e iniciar o proceso de dotación de fondos e contra-prestacións económicas para aquelas moradas e familias que se viron atinxidas polo incendio. 

"Reconstruír vivendas, arranxar tellados, pintar casas", salienta Mario, mais tamén planexar xa a recuperación e re-poboamento do monte  que ficou completamente devastado polas lapas. En definitiva, sinala Maceiras, "pór en marcha iniciativas para rexenerar e minimizar os estragos" causados. No entanto, o pleno extra-ordinario convocado polo alcalde Ramón Noceda (BNG), non contou coa presenza dos edís do Partido Popular --5 d@s 11 que compoñen a corporación municipal-- que argüíron a súa ausencia acusando ao rexedor nacionalista de querer politizar a catástrofe. 

"Non se presentaron no Pleno", denuncian desde a Asociación Monte Pindo o seu secretario, "non entenden nada" afirma con carraxe quen leva "alertando disto máis de 3 anos", asegura. "Advertimos que isto podía pasar e non nos fixeron caso, tiñan que teren en conta as nosas demandas". En troca, salienta, "agora falan de que hai un home moi malo que anda polo monte cun chisqueiro".

Mobilizacións contra a política forestal da Xunta e na defensa dos espazos naturais

Desde a Xunta de Galiza apuntan co dedo acusador cara posíbeis piróman@s @s que culpabiliza da vaga de incendios que asolagan o país. Neste senso, Alberto Núñez Feijóo insistiu na súa intervención na apertura do curso político en Ames (A Coruña)na importancia de "combater aos que atentan contra o noso patrimonio natural" e desvinculou catástrofes ecolóxicas como as de Monte Pindo e O Ézaro da política forestal da Xunta ou dos recortes nos servizos de prevención e extinción de incendios.  

Desde a Asociación Monte Pindo salientan que ter recoñecido como Parque Natural o Monte Pindo tería evitado ou minimizado os danos e reiteran que continuarán adiante nas súas reivindicacións para catalogar esta reserva natural pertencente á Rede Natura 2000 como Parque. Aliás, lanzan un chamamento "a todo o país" a se sumar ás accións reivindicativas convocadas para os vindeiros meses coas que pretenden denunciar o desleixo da Xunta de Galiza co Pindo mais tamén "mobilizar e reaxir" salientou Maceiras, na defensa dos espazos naturais. 

Así o vindeiro 28 de setembro a Asociación convoc un roteiro polo Monte Pindo ao que animan a participar con prendas verdes que devolvan a cor ao Olimpo celta. Tamén así, lanzan un chamado a todo o pobo galego a tomar parte da manifestación nacional convocada para o vindeiro día 6 de outubro en Compostela coa que queren denunciar a inacción da Xunta de Galiza na prevención dos lumes mais tamén urxir unha outra política forestal para os nosos montes. 

Comentarios