Deputad@s do Parlamento galego diríxense ao Ministerio de Exteriores para que apoie a defensa do pobo sahariano

Deputad@s e portavoces do Parlamento Galego remitiron cartas o Ministro de Exteriores do goberno español para que apoie a ampliación das funcións da Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental para o ano 2014. Amnistía Internacional faise eco da demanda galega. 

Grupo do Parlamento galego en El Aiún
photo_camera Grupo do Parlamento galego en El Aiún

Amnistía Internacional faise eco da proposta de varios deputad@s e portavoces do Parlamento galego que remitiron cartas ao Ministro de Exteriores reclamando que o goberno español apoie a incorporación á Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental a persoas que investiguen as violacións dos dereitos humanos, “garantindo a observación independente, imparcial e constante da situación dos dereitos humanos no territorio e nos campos de refuxiados saharauis”. 

O Intergrupo Parlamentario Paz no Sáhara, que está integrado por membros do PP, PsdeG, AGE e BNG, segundo informa Amnistía Internacional, inclúe tamén esta demanda no informe que remitirán ao Ministerio de Asuntos Exteriores. “Esta participación ven a confirmar que a MINURSO é un tema que preocupa tanto á cidadanía como aos partidos políticos, sen distinción de ideoloxías, e que lonxe de xerar controversias hai unha clara unanimidade a favor da súa ampliación”, defenden desde Amnistía Internacional. .

O Parlamento galego aprobou en xuño de 2013 unha declaración institucional que reclamaba o traballo activo por parte do Goberno español na UE a favor da ampliación das funcións da MINURSO para o ano 2014, incluíndo o control do cumprimento dos dereitos humanos no Sáhara Occidental. 

Visita en febreiro a El Aiún

O pasado 28 de febreiro unha delegación do Parlamento galego viaxou até El Aaiún con motivo do debate sobre a Operación MINURSO. A delegación interparlamentar galega estaba composta por por representantes das catro forzas da Cámara,  Montse Prado (BNG), Xabier Ron (AGE), Carmen Gallego (PSdeG-PSOE) e Gonzalo Trenor (PP)  así como por integrantes da asociación Solidariedade galega co pobo sahariano. O seu obxectivo era tamén desenvolver unha campaña de solidariedade que inste as Nacións Unidas e as autoridades marroquinas a respectaren e garantiren o cumprimento do dereito de autodeterminación para o pobo sahariano. 

A visita significou a primeira ocasión na que unha delegación tan ampla -composta por 9 persoas, 4 representantes do Parlamento e 5 membros de asociacións de solidariedade- conseguía entrar en El Aaiún o que, para o Frente Polisario supuxo un logro na súa loita e na liña de dar a coñecer a situación do pobo sahariano. 

Este mes faise un ano da renovación do mandato da MINURSO, que cada ano se discute no Consello de Seguridade da ONU.  Neste tempo, as autoridades de Marrocos continuaron reprimindo a disidencia, impoñendo restricións á liberdade de expresión e ás manifestacións pacíficas da sociedade civil”, denuncian desde Amnistía que documenta malos tratos da policía despois de protestas que reclamaban que a MINURSO adopte un mandato de dereitos humanos en 2014. AI defende a urxencia de que a ONU amplíe o mandato das súas forzas para manter a paz no Sáhara Occidental incluíndo a observación dos dereitos humanos. 

Comentarios