A Deputación de Lugo axudará os concellos que asuman o copagamento farmacéutico

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, vén de anunciar unha liña de axudas para os concellos que asuman o copagamento de medicamentos de dispensación hospitalaria para pacientes con patoloxías graves. A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública convoca este domingo unha manifestación nacional en Santiago (12 h, Alameda).

Antonio Veiga
photo_camera Antonio Veiga

En rolda de prensa, o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e delegado de Benestar Social, Antonio Veiga, anunciou que os orzamentos do 2014 da institución provincial incorporará unha aliña de axudas destinadas a concellos que asuman o copagamento farmacéutico. 

O nacionalista Antonio Veiga sinalou que o obxectivo da medida é paliar as consecuencias que para as arcas municipais terá asumir o copagamento de medicamentos para doenzas graves, en resposta aos recortes impostos polo PP en materia sanitaria a través do Goberno central e apoiadas pola Xunta. 

Segundo o vicepresidente da Deputación, o debate non é competencial, como se está a facer crer, senón “un debate máis grave que é se o Estado e a Xunta están cumprindo a súa función de preservar a saúde dos cidadáns. A función principal de calquera nivel da administración pública debe ser precisamente esa, resolver os problemas dos nosos veciños e veciñas e non crear máis dos que estes xa teñen”. 

"Política pensando na cidadanía"

Á marxe de seguir reclamando ao Goberno galego a non aplicación do copagamento e ao central a derrogación da resolución que o implanta, a Deputación, a través do delegado de Benestar Social, decidiu aprobar a medida xa que, ao seu ver, en Galiza consecuencias son “máis devastadoras que no resto do Estado” xa que as pensións das persoas de máis idade son un 16% inferiores á media estatal. “Na maioría dos fogares de pensionistas galegos a porcentaxe de renda que se dedica a pagar menciñas supera o tres por cento e se a estes dous tipos de copagos implantados polo Partido Popular engadimos o copago das próteses, o copago dos traslados en ambulancia para recibir rehabilitación ou tratamentos en centros hospitalarios, a redución da renda dos pensionistas galegos pode supor até un cinco por cento, algo inxusto que acentúa a situación de penuria económica deste colectivo”, explicou Veiga. 

O Vicepresidente da Deputación denunciou que os recortes aprobados polo goberno de Mariano Rajoy están a contribuír “a incrementar a pobreza e porcentaxe de poboación en risco de exclusión social. A sanidade xunto coa educación son dous piares fundamentais para garantir o futuro dunha sociedade e son neste ámbitos onde os populares están a cruzar todas a liñas vermellas”. Coa nova liña de axudas demostra, segundo dixo, “que nun momento de crise é posíbel facer política pensando nos cidadáns”. 

Foi precisamente un concello da provincia de Lugo, o de Riotorto, o que iniciou a batalla contra o copagamento farmacéutico, anunciando que asumiría o pago dos medicamentos á veciñanza con patoloxías graves.

Comentarios