Denuncian un verquido de sosa cáustica no río Tea

Podería proceder dunha empresa da zona. Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, e Compromiso por Galicia exixen responsabilidades polo que din, constitúe un "atentado ecolóxico". 

Verquidos no río Tea
photo_camera Verquidos no río Tea [Imaxes Galiza Nova O Condado]

Ambas as dúas organizacións tildan de "atentado ecolóxico" o verquido de sosa caucásica que atinxiu o río Tea esta sexta feira (1 de agosto). "O verquido afectou directamente a miles de seres vivos" e "matou varias especies de peixes que se atopan no leito" fluvial, explicou o responsábel local de Galiza Nova en Mondariz, Mauro Chivite. 

A organización xuvenil do BNG fixo públicas as imaxes da catástrofe e dos peixes mortos amoreados polo Seprona após acceder ao lugar para valorar os danos do verquido. 

Desde Compromiso por Galicia apuntan cara á unha empresa local como posíbel responsábel da sosa caucásica que se verteu no río Tea e exixen aos Concellos da zona que denuncien o acontecido e exixan unha investigación. "Solicitamos ás administracións competentes e a xustiza que actúen contundenetemente perante este atentado ecolóxico", sinalan nun comunicado. 

Tanto Galiza Nova como Compromiso lembran que o ecosistema no que se insire o río Tea constitúe un espazo protexido catalogado como de Interese Comunitario e pertencente á Rede Natura 2000. Asemade, subliñan que nel habitan "especies en perigo de extinción e seriamente ameazadas". 

Mauro Chivite salientou que o acontecido vén a se sumar ao "mal estado" das augas da praia do Val, situada apenas a 300 metros de onde se produciu este verquido e que a Garda Civil "desaconsella o baño" cando menos nos vindeiros 3 días perante posíbeis riscos polo produto tóxico. 

Esta non é a primeira vez que algo así acontece no río Tea. A organización galeguista, Compromiso por Galicia e Galiza Nova teñen denunciado en diversas ocasións o mal estado deste espazo natural froito da depuradora municipal e dalgunhas das empresas que operan na zona. 

Comentarios