Denuncian trato vexatorio a familiares dun preso independentista

Funcionari@s do penal español de Mansilla de las Mulas obrigaron a nai e a irmá do vigués Xurxo R. Olveira a se despoxaren das súas roupas para as submeter a unha inspección manual namentres un can da Garda Civil lles uliscaba as roupas

Mansilla de las Mulas
photo_camera Mansilla de las Mulas


"Deixárona en bragas e a máquina non paraba de pitar". Álvaro Rodríguez, pai do preso independentista Xurxo R. Olveira, describe o "trato vexatorio e humillante" que esta fin de semana, afirma, tivo que soportar a súa familia nunha visita ao mozo vigués, a quen a policía española prendeu o 16 de setembro de 2012 e que fica submetido á dispersión desde aquela, en aplicación da lei antiterrorista. 

A través da plataforma Que voltem para casa, a familia denunciou o tratamento d@s funcionari@s do penal de León que, perante un aparente fallo mecánico no sistema de control de acceso, non dubidaron en espir por completo a nai do preso e de cintura para arriba a súa irmá, as dúas mulleres que facían parte da visita. Canda elas ía o pai, Álvaro Rodríguez, e o compañeiro da irmá, que pasaron polo arco de control "sen ningún problema". 

Submetidas a unha inspección manual namentres un can lles cheira as roupas

Non aconteceu o mesmo coas mulleres. "Quédese aquí a un lado, señora", dixo unha funcionaria dirixíndose á nai do mozo, a quen mandaron colocarse ao final dunha ringleira de por volta de 40 persoas. "Desde o outro lado do arco viamos como todo o mundo o atravesaba, mulleres cargadas de xoias e con todo tipo de obxectos metálicos, e non pitaba", asevera Rodríguez. 

Quitou os óculos e os pendentes, mais a alarma saltaba igual. Entón conducírona até unha sala onde a obrigaron a se despoxar das súas roupas e vestir unha bata branca. Á irmá pedíronlle que quitase o sostén. Como a máquina continuaba a pitar, as dúas foron conducidas de novo á mesma sala, onde unha funcionaria lles practicou unha inspección manual. De seguido, dous membros da Garda civil entraron na mesma habitación cun can para que lles uliscase a roupa. Ao ver como a máquina non deixa de soar, finalmente @s funcionari@s permitiron a entrada. 

"É unha provocación total", valora Álvaro Rodríguez, que el atribúe ao feito de que o seu fillo, Xurxo, "está a denunciar de maneira educada mediante instancias todas as vulneracións dos seus dereitos que se producen" no penal español. "É unha medida de presión", acrecenta, e recorda que en Alcalá Meco (Madrid), onde o mozo estivo preso namentres non fixo os 18 anos, "pasabamos sen a necesidade de quitar nin o cinto". 

Agardan o xuízo para o outono 

Rodríguez dubida de que o acontecido fose un suceso fortuíto após comprobar como a alarma do control de acceso saltou unicamente no caso destas dúas persoas. Aliás, quéixase de que en ningún momento foi utilizado o aparello detector coñecido como 'raqueta', que permite localizar de maneira inmediata calquera obxecto metálico sobre o corpo da persoa submetida a inspección sen necesidade de a tocar. O uso deste aparello tería evitado as inspeccións manuais, reservadas para situacións excepcionais. 

Xurxo R. Olveira fica en prisión preventiva sen ser xulgado desde setembro de 2012. Impútanlle un delito de "pertenza" á organización Resistencia Galega, que o ministerio de Interior ten tipificada como "terrorista". Relaciónano coa colocación de tres artefactos explosivos nunha antena de televisión situada no monte Sampaio, en Vigo. Estalou só un e causou escasos danos materiais. Porén, o vigués enfróntase a unha pena de entre seis e doce anos de cárcere. A familia agarda o xuízo para o outono.

Comentarios