Denuncian que responsábeis públicos de saúde mental se reúnan cun “lobby” de privatización

O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia que os responsábeis da área na sanidade pública se reunisen con representantes dun “lobby” con intereses na privatización da saúde. A xuntanza tivo lugar nun xantar no Hostal dos Reis Católicos.

Cunha xantar no Hostal dos Reis Católicos o pasado 2 de xuño, os responsábeis públicos de saúde mental participaban nun encontro con empresas privadas convocado por unha fundación “que ten entre os seus asesores fundamentais a grandes empresas privadas interesadas no negocio da asistencia sanitaria, que funciona como lobby de presión nas administracións”. Así o denuncia o Movemento Galego de Saúde Mental que lamenta que altos responsábeis da Consellaría de Sanidade e Sergas teñan participado neste xantar patrocinado por un laboratorio farmacéutico que está a comercializar un novo produto para o tratamento do alcolismo.

No peor dos momentos para a saúde mental pública

O MGSM denuncia que os responsábeis públicos participen nesta xuntanza “xusto cando se critica publicamente a carencia de planificación da atención á saúde mental, e a redución dos recursos e o deterioro da asistencia: cando se advirte do agravamento dos indicadores de saúde, xusto agora os máximos responsábeis déixanse agasallar por un laboratorio farmacéutico e n lobby da privatización, aparentando unha xuntanza de traballo”, circunstancias que, segundo din, é a primeira vez que acontece na administración pública, a participación nun encontro no que é a empresa privada a que presenta as conclusións nas “sobremesas”.

“Para nós este acto é deplorable, desconsiderado coa xente e as súas necesidade, irresponsábel por quen debe dar exemplo de austeridade e seriedade na súa función pública, frautista cunha empresa farmacéutica concreta, e expresivo da incapacidade dos nosos gobernantes sanitarios para dar unha resposta planificadora e asistencial acaída ás necesidades urxentes da saúde mental”, conclúen desde o MGSM.   

Comentarios