Denuncian que Asturias nutre a manifestación promina de Corcoesto

A plataforma “Salvemos Cabana” mais o portal “Alertaminera” denuncian que a metade das arredor de duascentas persoas que o pasado sábado asistiron en Coristanco á manifestación convocada por “Corcoesto si, Mina si” procedían de Asturias do entorno de Exploraciones Mineras del Cantábrico S.L.
Imaxe da concentración en Coristanco
photo_camera Imaxe da concentración en Coristanco

Arredor de duascentas persoas se manifestaban o pasado sábado en Coristanco convocadas por “Corcoesto si, Mina si”, un colectivo que puxera a disposición da veciñanza autobuses gratuitos para asistir á protesta. Segundo o portal “Alertaminera”, a Galiza trasladouse unha nutrida presenza da plataforma “Trabajo Ya. Mina si”, creada no entorno de Exploraciones Mineras del Cantábrico S. L/Asturgold, entidade que xa protagonizou no pasado novembro unha manifestacióon en Tapia de Casariego tamén con persoas doutras localidades. Boa parte das pancartas e demais materiais da manifestación estaban escritos en castelán.

Tamén “Salvemos Cabana” denunciou que a manifestación foi maiormente secundada por persoas que non tiñan que ver coa comarca, mesmo despois de teren o día anterior un coche con megafonía convidando a asistir ademais de ofrecer servizo gratuíto de autobuses.

“Desde o noso punto de vista, resulta penoso ver como coa excusa da profunda crise que atravesa o país, e a desesperación da xente por atopar emprego a calquera prezo, se pode organizar unha campaña de manipulación pública tan indigna e lamentábel” sinalan no comunicado de “Salvemos Cabana”.

Comentarios