Denuncian a persecución de militantes nacionalistas polos gobernos do PP

Multas, detencións, intimidación. A policía intensificou o seu control represivo nas mobilizacións sociais desenvolvidas contra a política de recortes do PP, segundo o BNG, que pedirá nas Cortes do Estado explicación polos “modos fascistas” do Goberno do PP. Militantes e dirixentes da organización política sufriron a presión policial nas manifestacións.

Control policial
photo_camera Control policial

O BNG pedirá nas Cortes explicacións ao Ministerio do Interior pola represión exercida contra ás persoas que se manifestan contra as políticas de recortes do PP e reclamará a dimisión do delegado do goberno, Samuel Juárez. Denuncias e multas recaeron sobre militantes e dirixentes da organización nacionalista. 

Os portavoces no Parlamento de Galiza e no Concello da Coruña denunciados por participaren nas mobilizacións contra o desafiuzamento de Aurelia Rey, os membros da Executiva Néstor Rego e Saleta Chao multados polos actos de protesta na última folga Xeral, seis militantes de Galiza Nova canda outros 13 mozos e mozas pola súa actividade de protesta nas manifestacións estudantís... ademais de activistas sindicais e outros militantes do BNG inclúense na nómina das persoas que, recentemente, recibiron multas ou denuncias por se opor ás políticas do PP. 

"A organización nacionalista condena o intento represivo do Goberno do PP contra as persoas que participan en mobilizacións contra os recortes sociais"

A organización nacionalista condena o intento represivo do Goberno do PP contra as persoas que participan en mobilizacións de protesta polas medidas de eliminación de dereitos sociais impostos como son os desafiuzamentos, os recortes no ensino ou a sanidade ou a estafa das preferentes. 

Pedirán explicacións nas Cortes sobre a vaga represiva do PP e a actuación da policía nas mobilizacións convocadas nos últimos tempos contra a política de recortes sociais. Pedirán de novo a eliminación da Delegación do Goberno na Galiza, “unha institución comecartos que non ten outra función que a de reprimir á cidadanía que lle fai fronte ás políticas de asfixia social do Partido Popular”. En canto ao seu representantes, Samuel Juárez, os nacionalistas esixirán a súa dimisión pola “querencia pola vía represiva e non polo diálogo”. 

Para os nacionalistas, as medidas represivas do son parellas á aplicación “de medidas agresivas dos gobernos do PP”. O BNG critica “este xeito fascista que ten o Goberno do PP de resolver os conflitos sociais, con multas, persecucións e represión, no canto de utilizar o diálogo e a negociación para chegar a solucións”.  

Comentarios