Denuncian a falta de medios materiais e humanos na loita contra o lume 

En plena vaga de lumes, a CIG denuncia  a falta de medios que está a padecer o Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. 

Ningún camión motobomba asistía esta terceira feira o incendio que estaba activo en Castro de Beiro . Este é un dos exemplos da denuncia na que a CIG pon á vista a falta de medios tanto humanos como materiais no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) no que está a ser considerada a onde de incendios máis fortes dos últimos anos, con máis de mil hectáreas ardidas desde o pasado domingo. 

En Ourense, onde os lumes están a afectar con máis forza, están a traballar 2 persoas nalgunhas brigadas que tiñan que estar compostas por 7, segundo denuncia o sindicato nacionalista que critica que non se cubran as baixas ou as vacantes do servizo. 

Cores políticas

“Mentres a Xunta de Galicia nunha actitude totalmente propagandística dedícase a entregar camións motobombas novos a Concellos da mesma cor política para que os teñan aparcados ou que a mediados de agosto non teñan aínda contratados a condutores nin brigadas, os camións motobombas do SPDCIF caen a cachos”. sinalan.

No caso do lume de Castro de Beiro, os dous motobomba tiveron que ser retirados por avaría co cal non se empregou ningún na extinción, segundo a denuncia que engade que os provedores e tamén os talleres se negan a arranxar os camións por non se lle ter pagado as débedas anteriores

A CIG critica tamén que o  Goberno do PP  reducira de 83% a 35% de empregados públicos no Servizo contra incendios o que, ao seu ver, afecta negativamente á eficacia e coordinación. Esixen, a cobertura inmediata das vacantes e a dotación de medios materiais e vehículos necesarios para desenvolver un labor seguro e eficaz. 

Comentarios