Feijóo reúnese con Banesco e gábase de que a venda de NGB é "a mellor opción para os contribuíntes"

O presidente da Xunta de Galiza valora positivamente a compra da entidade financeira galega polo grupo bancario venezolano e di que é a mellor opción "para os contribuíntes españois". A oposición denuncia "a estafa" que supón para @s contribuíntes asumiren os 8.000 millóns de euros públicos entregados á entidade financeira para o seu saneamento e que non serán recuperados coa venda. 

Após a adxudicación ao grupo venezuelano Banesco de Novagalicia Banco os interrogantes cérnense agora sobre o futuro do aforro galego, a Obra social, o futuro d@s traballador@s e mesmo a pervivencia da entidade financeira como ente galego ao servizo dos sectores produtivos do país e, non, "dos intereses especultivos" da banca transnacional. 

O presidente da Xunta de Galiza, que avanzou esta quinta feira que terá unha xuntanza ás 17.00 horas con representantes do grupo Banesco, gabouse do acordo alcanzado polo FROB en relación ao futuro da entidade financeira galega e asegurou que "é a mellor opción pra os contribuintes españois". Porén, as forzas da oposición denuncian a "estafa" que supón para "os petos" da cidadanía ter que asumir perdas por valor de 8.000 euros após inxectárense 9 mil millóns de fondos publicos no rescate de NGB e só se teren recuperado mil. 

Traballador@s en defensa dos postos de traballo

Neste senso, @s empregad@s de NGB desenvolveron esta quinta feira unha concentración ás portas do Banco de España para exixiren o mantemento dos seus postos de traballo --que Banesco di, garantirá "na súa maioría",mais que desde a CIG afirman que non existen "garantías" de que isto aconteza. 

“Estamos ante unha situación totalmente humillante para os galegos e galegas e de desprezo total cara aos nosos intereses como País”, denunciou o secretario xeral da CIg, Suso Seixo, horas despois de se coñecer a decisión adoptada polo FROB. Desde a central sindical nacionalista critican con dureza a actitude do goberno da Xunta de Galiza, ao que acusan de "entreguismo" aos intereses de Madrid e da "banca española" cando, afirman, "o racional sería, unha vez estatalizada, pór a entidade ao servizo de Galiza e o seu tecido produtivo". 

Desde a CIG lembran que o sindicato leva alertando desde o inicio do "espolio social e laboral" que supón a desaparición da entidade financeira galega que abrangue o 40% do aforro do país, unha particularidade que a converte en "sistémica" para os intereses de Galiza. Neste senso, os grupos parlamentares do BNG e AGE tamén fixeron fincapé através das súas portavocías nas consecuencias da "desaparición" de NGB. 

Un "saqueo" para @s contribuíntes e unha venda "precipitada"

Para o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, a súa venda ao grupo Banesco "consuma unha diferenza de trato" para a entidade galega en relación coa recibida por outras entidades rescatadas. "Menres Bankia vai permanecer no sector público, NGB é vendida  con novas perdas para os contribuíntes" a costa, di, "de deixar Galiza sen un sector financeiro propio". 

Tanto Francisco Jorquera como o portavoz do grupo parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, lembraron que o Estado español --através do FROB-- inxectou 9 mil millóns de euros públicos a NGB para o seu saneamento polo que "só se recuperaría unha pequena parte" do gastado. Ficando os 8 mil millóns restantes como parte do défice público, ou o que é o mesmo, din, "no peto do contribuínte". 

Aliás, Beiras salientou a premura coa que se ten desenvolvido a venda da entidade, cuxo prazo expiraba segundo o acordado coa Troika en 2017. "Isto é un espolio", asegurou o líder de AGE, "e ademais moi indecente", acrecentou, "porque se dispuña aínda dun prazo suficiente de tempo". NGB vai mellorando, indicou Beiras, "vai obtendo beneficios" de maneira que ter agardado para proceder á súa venda "máis posibilidades" daría para que "o prezo de venda for máis alto". Algo que ao seu entender "non interesa" ao presidente da Xunta de Galiza e Madrid pois, afirmou, visan beneficiar o negocio da entidade finalmente adxudicataria.

Así mesmo, o voceiro do PSdeG-PSOE, José Luís Méndez Romeu, tamén criticou a operación de adxudicación por "escura e precipitada". Para @s socialistas o proceso de venda de NGB posúe "demasiadas incógnitas" non só polas perdas que suporá para o erario público, senón porque consuma, din, "a desaparición do sistema financeiro galego" e exixen que o líder do executivo dea "unha explicación plausíbel" de que "vai acontecer co 40% do aforro das galegas e galegos que figura nos dous millóns de contas" da entidade. 

A opción "menos mala"

Mais non todo foron críticas. Ás gabanzas da Xunta de Galiza e do Partido Popular que coidan a operación algo positivo para Galiza e a súa economía, súmaselle a reacción de CxG. A organización galeguista asegurou que a compra de NGB por parte do grupo venezolano Banesco é a opción "menos mala" para os intereses galegos embora recoñeceren as súas reservas perante o descoñecemento amplo da oferta. Segundo a formación liderada por Xoan Báscuas, ao contrario do que tería acontecido de se facer con NGB unha entidade española, a compra por parte de Banesco podería asegurar o mantemento do domicilio social na Galiza e da maior parte dos postos de traballo. Porén, todo son incógnitas até se coñeceren polo miúdo os detalles da adxudicación e os plans do grupo venezuelano. 

Imaxes: Confederación Intersindical Galega

Comentarios