Denuncian desproporción na detención dun fotógrafo na chegada d@s olímpic@s en Peinador

O aeroporto vigués viviu onte unha xornada de caos organizativo, segundo aseguran desde Diario de Pontevedra, que rematou coa detención dun fotógrafo deste xornal cando realizaba o seu traballo. Convocouse unha protesta hoxe ás 13 horas diante da Subdelegación do Goberno de Pontevedra.
Detención do fotógrafo Rafa Estévez en Peinador
photo_camera Detención do fotógrafo Rafa Estévez en Peinador

Numerosas persoas agardaban onte no aeroporto vigués a chegada do voo de Londres que tranportaba a Javi Gómez Noya, Támara Echegoyen, David Cal, Begoña Fernández e Teresa Portela. Catro medallistas e unha diploma olímpica ben merecían unha festa e alí estaban familiares, amizades e representantes de varias institucións públicas. O retraso na chegada, estaba prevista para as 17 horas e ao final abriron as portas pasadas as 18 horas, non foi quen de desanimar o ambiente.

Nestes intres o subdirector do xornal onde traballa o fotoxornalista está reunido co subdelegado do goberno e informará do resultado da conversa ao remataren

No momento en que sairon @s deportistas varios xornalistas gráficos tentaron realizar o seu traballo e foi entón cando se produciu o incidente que rematou coa intervención violenta da policia e a detención de Rafa Estévez, fotógrafo do Diario de Pontevedra. Numerosas testemuñas, como asegura o propio xornal, mesmo representantes de institucións como alcaldes, estaban diante cando sucedeu. Logo viría o traslado ao furgón policial, transmitido case en tempo real polas redes sociais, e unhas catro horas en comisaría. Nestes intres, o subdirector do xornal onde traballa o fotoxornalista está reunido co subdelegado do goberno e informará do resultado da conversa ao remataren.

Concentración diante da Subdelegación
As redes sociais foron as primeiras en difundiren imaxes e videos do acontecido onte en peinador. Numeros@s compañeir@s de profesión enviaron mensaxes de ánimo a Rafa Estévez e opinaron sobre a súa detención. Manuel Bragado escribiu no seu blog Brétemas sobre o caso. Tamén a través das redes sociais convocouse no hashtag #todossomosrafa a unha concentración hoxe mesmo ás 13 horas diante da Subdelegación do Goberno de Pontevedra.

Comentarios