Demite unha integrante da comisión de garantías de Anova por o considerar un órgao "sectario e antidemocrático"

Lonxe de se fechar, a crise de Anova medra a ollos vistos. Nas vésperas da realización dunha asemblea do sector crítico, este domingo en Santiago, esta sexta feira trascendeu a demisión de Maria Vieites Calvo como membro da Comisión Ética e de Garantías de Anova.

Asemblea constituínte Anova-Irmandade Nacionalista
photo_camera Un momento da AN de Anova


As redes sociais ferven de noticias a respeito da crise de Anova. Pinga a pinga, o confronto interno ameaza con fracturar a organización liderada por Beiras.

Esta sexta feira, unha entrada pendurada no Facebook Anova Plural informaba da demisión de Maria Vieites Calvo como integrante da Comisión Ética e de Garantías de Anova, o órgao que está no ollo do furacán desde que acordou a expulsión de 17 militantes da asemblea de Redondela nunha decisión que practicamente partiu en dúas metades o máximo órgao de dirección dunha formación que leva nas súas siglas o IN de Irmandade Nacionalista.

Nunha comunicación escrita, Maria Vieites sitúa a xénese da súa decisión xa nos primeiros compases da existencia do órgao, após a I Asemblea Nacional de Anova. Foi nese momento cando percibiu que "certas persoas" non estaban interesados en que a Comisión fose un "organismo de mediación ou facilitación na resolución de conflitos" e si un "órgao de control político e ideolóxico da militancia".

Vieites ve irregularidades no funcionamento da propia Comisión. Argumenta en primeira instancia que os estatutos de Anova estabelecen que este órgao debe estar formado por 5 persoas e que, porén, nestes momentos o compoñen 7 membros. E alega que se está a infrinxir o rexime de incompatibilidades ao estar integrado nel unha dirixente que ostenta á súa vez a condición de responsábel local.

Vieites acusa o sector maioritario de Anova de empregar unha "lei fascista", en alusión á Lei de Partidos, para "xustificar de maneira formal a expulsión" de militantes

No que atinxe en concreto ao asunto de Redondela, detonante da atual crise, Vieites torna aínda máis duro o ton das súas críticas ao afirmar que o sector maioritario de Anova, para "intentar xustificar de maneira formal a expulsión de compañeiras e compañeiros", recorreu a "unha lei fascista", en alusión á Lei de Partidos, a empregue polo Estado español para ilegalizar no seu día a Batasuna.

A dirixente demisionaria tamén retruca ao líder da súa organización:

"Despois de ver na prensa a Don Xosé Manuel Beiras decindo que a Comisión Etica e de Garatias actúa como un organismo represor ( La Voz de Galicia do 22 de Decembro do 2013) véxome na obriga de aclarar que non é a Comisión quen actúa así; son persoas que acuden ás xuntanzas co coitelo entre os dentes para reprimir con leis ás persoas que non estivemos en Amio", di Vieites en alusión á Asemblea Nacional do BNG en que Beiras concorreu como candidato á portavocía nacional da organización frentista.

O que vén a dicer Vieites é que as persoas que militan en Anova e que non veñen do BNG son "tratadas coma convidadas a unha festa que non era a nosa".

Para a dirixente demisionaria, a actual Comisión de Ética e Garantía de Anova "non intermedia nos conflitos, senón que executa a represión máis sectaria e antidemocrática por motivos ideolóxicos e pòlíticos, sendo a punta de lanza da destrución dos principios que inspiraron a creación de Anova".

Comentarios